EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Daniel Camino Barral, ganador do concurso de carteis da XLIII Feira do Viño de Amandi

O traballo do mozo de Arzúa darase a coñecer o sábado 4 de marzo na presentación do Mes do Amandi e da programación da Feira, no hórreo romano de Proendos

Daniel Camino Barral./ Cedida.

 

O Concello de Sober vén de fallar o concurso do cartel que anunciará a XLIII Feira do Viño de Amandi, que se vai celebrar os días 31 de marzo, 1 e 2 de abril, coincidindo como é habitual co fin de semana do Domingo de Ramos.

O mozo, natural de Arzúa e residente en Monforte de Lemos, Daniel Camino Barral foi o gañador do certame, no que este ano participaron preto de 30 persoas con orixinais chegados desde diferentes puntos do Estado.

Daniel Camino é deseñador gráfico e proximamente abrirá un estudo en Monforte. Gañou en dúas ocasións o certame de carteis da Feira do Queixo de Arzúa e foi finalista noutros concursos, como o dos San Fermíns de Pamplona, o do Festival de Cine de San Sebastián ou o concurso de Terras Gauda.

O xurado do certame estivo coordinado por Rodrigo Coucheiro, o gañador do concurso no ano 2019, quen elixiu o cartel presentado por Daniel Camino Barral.

Presentación do cartel

O deseño que anunciará a Feira do Viño de Amandi será presentado oficialmente xunto aos restos arqueolóxicos do hórreo romano de Proendos o sábado 4 de Marzo as 12:00 de mediodía, data na que se dará a coñecer a programación do mes do Amandi e o programa de actividades da XLIII Feira do viño de Amandi. Este ano por vez primeira a feira dará comezo na xornada do venres pola tarde.

Artigos relacionados

Back to top button