EconomíaEconomíaÚltima hora

Daniel Seoane: “Intentamos mellorar a calidade do noso gando, producir mellor e de forma sostible”

Este mozo veigués, enxeñeiro forestal, é membro da Gandería Seoane de Santa Cristina, que participaba na mostra da Veiga, e tamén traballa noutra empresa familiar de desbroces e xestión forestal

 

Formábase como enxeñeiro forestal coa idea de regresar ás terras da Veiga, de onde é natural, para desenvolverse profesionalmente alí. Hoxe Daniel Seoane traballa na Gandería Seoane, da súa familia e que ten unhas 30 cabezas de gando vacún reprodutor, máis as crías. Está situada en Santa Cristina (A Veiga). Con algúns deses exemplares participaba na III Exposición agrogandeira Trevinca, que se celebraba na Veiga esta fin de semana.

Esta gandería veiguesa conta coa raza asturiana de los Valles e está introducindo a limousin, xa que “chámanos moito a atención pola calidade da súa carne e polos quilos canal que produce, ademais son animais, polo xeral, con carácter moi doce e moi manexables”, explica Daniel. “Por iso agora estamos coas dúas razas, pero a intención é incrementar a limousine, polo seu gran potencial”.

 

 

Daniel Seoane amósase moi contento deste proxcto, “gustaríanos seguir avanzando e dando pequenos pasos. Intentamos mellorar a calidade do gando que temos, para producir o mellor posible, con mimo, con coidado e de forma sostible”.

Ademais este mozo veigués traballa noutra empresa da súa familia dedicada a traballos agrícolas e forestais. “Facemos desbroce de montes, limpeza de fincas particulares, de estradas, pero tamén outro tipo de traballos agrícolas, dende sementeiras e arado ata preparado de terras agrícolas e recuperación. Tanto isto como a gandería é un proxecto polo que apostamos toda a familia, e, polo de agora, estamos indo adiante”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button