PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez pide no Parlamento galego fondos para investigar o campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda)

Vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate en pleno sobre este tema

Panorámica do campamento romano de Penedo dos Lobos./ Foto:romanarmy.eu

 

O deputado Davide Rodríguez Estévez (En Marea), vén de presentar xunto á súa compañeira no grupo mixto do Parlamento galego, Paula Vázquez Verao; unha proposición non de lei para o seu debate en pleno na que se pide que se destinen fondos para investigar e divulgar a importancia do campamento romano de Penedo dos Lobos, situado no municipio de Manzaneda. Neste senso, resáltase que a intervención realizada no 2018 neste xacemento “permitiu descubrir a presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e que podería vincularse cronoloxicamente á época das Guerras Cántabro-Astures”, indican.

Este xacemento está “nunha zona tradicional de pastoreo con vexetación que dificultaba a súa identificación. O seu tamaño -2,34 has- defíneo como un campamento de reducidas dimensións con capacidade de acoller ata mil soldados”, tal e como se sinala no texto da proposición.

Nela tamén se lembra que os arqueólogos salientaron o “excelente” estado de conservación das estruturas defensivas do campamento. “Deste xeito, Penedo dos Lobos aínda conserva as características catro portas que definen os recintos militares romanos, e case a totalidade do perímetro da muralla defensiva que ademais, de xeito moi pouco habitual, está construída en pedra. Penedo dos Lobos foi ocupado durante un período curto de tempo, aínda que á luz da análise das evidencias, os especialistas consideran que podería non corresponderse tanto a un campamento de marcha –construído para descansar durante unha ou dúas xornadas- como a un campamento estacional, que servise durante un período máis prolongado de tempo (semanas ou incluso un mes) a un continxente militar romano cunha misión específica que aínda se descoñece”.

 

O deputado de En Marea Davide Rodríguez, no Parlamento galego.

 

Ademas Davide Rodríguez lembra no texto presentado no Parlamento que “o colectivo romanarmy.eu comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia en febreiro de 2017 a existencia do campamento romano. Sen embargo, durante a intervención arqueolóxica tívose coñecemento de que o terreo se atopa afectado nestes momentos por un plan de repoboamento forestal que danará de maneira irreversible este sitio arqueolóxico de grande relevancia para a historia de Galicia”.

A campaña de estudo realizada no verán do 2018 foi “financiada ao 100% polo Concello de Manzaneda no ano 2018 rematou e foi promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o Concello de Manzaneda, e máis o Grupo de Investigación Síncrisis do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela”, di Davide Rodríguez, “a partir de agora, e cuns recursos municipais que non alcanzan para facer fronte á necesidade de protección, investigación e divulgación, é deber da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia por en valor e protexer este xacemento único no país pola súa antigüidade, altitude e zona ca que está situado”.

Nese senso, na proposición non de lei pídese que o Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a “destinar unha partida económica suficiente para facer o proxecto de protección, investigación e divulgación do Campamento Romano Penedo dos Lobos, así como para levar a cabo a súa posterior execución”.

Artigos relacionados

Back to top button