O III Xostra Rock encetará en Viana do Bolo o programa das festas patronais da Asunción e San Roque, que terán lugar entre o 11 e o 16 de agosto. Este festival botará a andar apartires das 21:30h. na praza Maior da vila cun cartel con tres grupos de referencia.
Así sobre o escenario vianés actuará De Vacas, banda que se fixo famosa con versións galegas de temas de forte actualidade. Logo poderá verse a Chotokoeu, grupo de folck-rock con raíces na cultura tradicional; e Ruxe Ruxe, banda de rock, cunha recoñecida traxectoria.
“Estamos ante un festival con grupos con diferentes sonoridades pero cun denominador común: a importante calidade e a sua conexión cos amantes da boa música”, asegura o alcalde de Viana, Secundino Fernández, ratificando o “compromiso do Concello de Viana do Bolo coa cultura galega, coa música e coa mocidade, adicándolle un día das festas patronais e cun cartel de moita importancia”. Ese mesmo día tamén haberá unha festa da escuma especialmente pensada para o divertimento dos máis pequenos da casa.
O programa festivo continuará con diversas propostas culturais e lúdicas ata o 16 de agosto.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.