CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Dende as veas dun glaciar ata o deserto de Atacama, seguindo a pegada da auga

A exposición fotográfica “Auga. O sangue da terra”, do monfortino Manuel Valcárcel, poderá visitarse ata o 31 de marzo na Casa da Cultura da Rúa

Trazos azuis sobre un fondo branco de neve. Cunha vista área das canles entrecruzadas no Sandur de Gondley River (Nova Celandia) comeza a viaxe arredor da auga que levaba ao fotógrafo monfortino Manuel Válcarcel a percorrer o planeta. Unha experiencia que plasmaba no 2007 na exposición “Auga. O sangue da terra”. É precisamente a imaxe do Gondley River á que dá título á exposición, “véndoa parece que esas canles fosen veas”, comentaba o seu autor xunto a ela no acto inaugural desta mostra na Casa da Cultura da Rúa na tarde do 11 de marzo. “De feito”, engade, “o título da mostra non llo puxen ata o final xa que nova Nova Celandia foi o último país que visitei neste proxecto”.

A mostra está estruturada en varios bloques cos seguintes títulos: os estados da auga (con imaxes tomadas nos Alpes Meridionais, Nova Celandia en Oceanía), o río Lor e a Serra do Courel, “a auga e a vida” (con instantáneas do río Ganxes, Vacanasi e India, no continente asiático), “as terrazas do Longsheng (China)”, “vivindo na escaseza” (Río Níxer, Mali, en África) e o “Deserto de Atacama” (Chile, América).

Previamente á realización destas imaxes, Valcárcel levou a cabo un labor de documentación e investigación no que contaba co asesoramento de Augusto Pérez Alberti. Todas elas, agás as do Courel, están feitas con cámara dixital. O seu autor destacou a importancia da auga para a vida e a súa relación co ser humano e neste senso considera que o traballo ten unha parte reivindicativa, pero tamén didáctica.

Neste último aspecto incidía a a coordinadora institucional para Ourense e Lugo de Afundación, Beatriz Fernández-Anguiano, no acto inaugural. “Esta é unha maneira de ensinar e de concienciar, é o futuro das vindeiras xeracións”. O acto tamén contaba coa presenza do alcalde da Rúa, Luis Fernández Gudiña, de diversos concelleiros, entre eles a de Cultura, María Albert; e de Diego Fernández Borrajo, director Zona Este Ourense de Abanca.

A exposición “Auga. O sangue da terra», de entrada libre e gratuíta, poderá visitarse ata o 31 de marzo na Casa da Cultura da Rúa, de luns a venres en horario de 10.00 a 13.30 h e de 16.30 a 20.30h, os sábados de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.00 h, e os domingos de 17.00 a 20.00 h.Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello da Rúa, Abanca e Afundación, institucións que nesta inauguración amosaban o seu interese en seguir colaborando en futuras iniciativas culturais na zona.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button