OurenseÚltima hora

A Deputación aproba case 70.000 euros en axudas a cooperación con concellos

Asemade, aprobáronse 256.042 euros en axudas a cultura, infraestruturas e medio ambiente
Montserrat Lama deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno da Deputación, celebrada hoxe, 7 de xullo, aprobou varias axudas aos concellos da provincia das que deu conta a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama. Así, aprobaron unha axuda para o Concello de Beariz por importe de 14.000 euros para a instalación de postes reemisores de televisión, e para o Concello da Bola aprobou unha axuda de 15.000 euros para a posta en marcha dun transporte público social municipal. Pola súa parte, para o Concello de Calvos de Randín aprobou unha axuda de 20.000 euros para os gastos de redacción do proxecto do parque empresarial, e para o Concello de Riós, unha axuda por importe de 20.000 euros para a reparación de danos causados polo temporal nas plantacións de castiñeiros.

Tamén na reunión aprobáronse dúas modificacións do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2017 unha delas relativa ao Concello de Sarreaus pola cal se incorpora ao Plan a obra “pavimentación e saneamento en Nocelo e Padroso”, en substitución da obra “pavimentación e saneamento en Nocelo, Pazos e Perrelos”, cun orzamento de execución de 55.000 euros. A outra modificación afecta ao Concello da Veiga pola que se fixa un orzamento total para a obra “abastecemento e saneamento en Corexido e Casdenodres” o importe de 54.999 euros.

Asemade, aprobaron 256.042 euros en axudas destinadas a temas de cultura, infraestruturas e medio ambiente. No eido de cooperación con entidades, aprobou dúas axudas para a Asociación Cultural Pen Club de Galicia, unha delas por importe de 93.000 euros para o Congreso Internacional de Escritores celebrado en Ourense, e a outra axuda por importe de 20.000 euros destinada a gastos de funcionamento e mantemento da entidade correspondentes ao ano 2017. Ademais, para a Asociación Grupo de Análisis y Debate Manuel Colmeiro aprobou unha axuda de 18.042 euros para as actividades da entidade correspondentes a este ano.

Para a Fundación Carlos Casares, na reunión aprobouse unha axuda de 50.000 euros para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2017 e, para o Liceo de Ourense unha axuda de 6.000 euros destinada á adquisición de vestiario para compoñentes da coral.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou, por unha banda, a resolución da convocatoria do concurso público para a concesión de axudas para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas correspondentes ao exercicio 2017, pola cal concede un total de 79.978,41 euros en axudas a 37 entidades. Tamén aprobou a resolución da convocatoria de concurso público para a concesión de axudas para gastos de investimento de asociacións veciñais de Ourense correspondente ao exercicio 2017, pola cal concede un total de 99.903 euros en axudas a 60 entidades da provincia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button