SanidadeÚltima hora

Dermatoloxía alerta do risco de cancro de pel pola exposición excesiva ao sol, sobre todo dos nenos

A clave da súa prevención é a protección da pel evitando a radiación solar especialmente na infancia e adolescencia

 

No Día Europeo do Cancro de Pel –que se conmemora mañá- o Servizo de Dermatoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras alerta da importancia de protexerse da radiación solar, principal factor de risco deste cancro cunha incidencia que representa un terzo do total de enfermidades oncolóxicas, afortunadamente, cunha porcentaxe de curación superior ao 95% e que en Ourense xera ao redor de mil intervencións anuais.

Os tumores máis frecuentes son os carcinomas basocelulares, que supoñen en Ourense o 60% dos cancros de pel e máis de 600 intervencións. Os carcinomas basocelulares aparecen normalmente nas áreas expostas ao sol, especialmente en cabeza e pescozo. Neles, a metástase é rara, non si o crecemento local pode ser moi destrutivo. Poden ulcerarse e alternar períodos de aparente curación o que evita, erroneamente, a consulta co médico.

Os segundos máis habituais son os carcinomas de células escamosas, aproximadamente 2 de 10 dez casos de cancro de pel. Orixínanse na parte externa da epidermis e, ao igual que os basocelulares, aparecen nas áreas do corpo expostas ao sol: na cara, as orellas, os beizos ou no dorso das mans. Xeralmente pódense extirpar por completo, pero son máis propensos a estenderse cara ás capas máis profundas da dermis. En Ourense xeran 200 intervencións anuais.

O Melanoma é, afortunadamente, o menos frecuente pero tamén o mais grave. En 2022 diagnosticáronse na nosa área sanitaria 61 casos, dun total de 268 sospeitas que orixinaron a apertura dunha vía rápida, circuíto rápido que permite confirmar e intervir antes dun mes desde que o seu médico de cabecera inicia este proceso.

Tras o aumento en xeral dos distintos tipos de cancro de pel podería estar o cambio de hábitos con respecto a exposición ao sol. Factores como os raios UV, o aumento dos viaxes de “sol e praia” todo o ano, ou incluso o deporte ao aire libre e conseguintemente o aumento das horas de exposición xunto cunha deficiente ou nula protección da pel, cun filtro solar axeitado.

Cinco ou máis queimaduras ao longo da vida

Moi especialmente na infancia e adolescencia, para previr a aparición destes cancros a clave é a protección do sol, cubrindo a pel con roupa e sombreiros a pel e un axeitada crema fotoprotectora. Trátase de reducir o nivel de radiación e evitar as queimaduras solares, directamente relacionadas coa aparición de tumores de pel en anos posteriores.

De feito, os riscos de desenvolver melanoma duplícanse naquelas persoas con cinco ou mais queimaduras solares ao longo da súa vida. Lamentablemente, a maioría o descoñece ou réstalle importancia a este risco porque os seus resultados aparecen a longo prazo, coincidindo coa idade adulta ou a vellez.

Ourense: Alerta no campo e na construción

Precisamente pola exposición prolongada e intensa ao sol, case sempre sen protección, en Ourense, os carcinomas basocelulares e os de células escamosas son moito mais frecuentes entre persoas que traballaron ao ar libre, no campo ou na construción -combinado coa pel clara, a máis habitual en Galicia- xa que ambos tipos de tumores relaciónanse directamente coa acumulación durante anos de radiación ultravioleta. De feito, a súa aparición é mais frecuente nas zonas mais expostas ao sol, como a cara ou pescozo.

Igualmente, distintos estudos relacionan o melanoma con episodios de rápida e intensa exposición ao sol, con queimaduras graves, como cando aparecen bochas. Outros factores de risco, son os antecedentes familiares, o tipo de pel ou ter gran número de lunares grandes no corpo. Velaí a importancia de cambiar os hábitos de exposición incontrolada, reducindo así un factor de risco que se pode modificar.

En xeral os cancros de pel son fáciles de previr e tamén relativamente sinxelos de diagnosticar precozmente, tendo conta o amplo desenvolvemento da dermatoscopia en Atención Primaria e a boa coordinación co Servizo de Dermatoloxía grazas a Teledermatoloxía, a e-interconsulta e a existencia da vía rápida de melanoma. Por iso desde o Servizo de Dermatoloxía lamentan que algúns deles continúan a diagnosticarse en fases avanzadas.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button