Andainas-Trails-OrientaciónDeportesÚltima hora

Destacados resultados da sección de orientación do Club Peña Trevinca Barco na fin de semana

 

Intenso fin de semana de orientación para a sección do Club Peña Trevinca Barco. Así, xa o venres 16 colaboraban coa organización da 2ª JEO (Xornada Escolar de Orientación) XOGADE en Valdeorras, onde participaban ao redor de 150 estudantes da zona. E, logo das actividades de formación, tocaba competir en tres probas na provincia de Pontevedra. O sábado pola mañá na localidade de Torroña (Oia), pola tarde en Baiona e, por último, o domingo participar na carreira internacional “VIGO City Race Euro Tour”. “Ata alí desprazáronse a participar entre 5 e 8 deportistas da sección de orientación, que competiron e trataron de defender as cores do club nunha fin de semana esgotadora”, destacan dende este club valdeorrés.

A carreira do sábado 17 en Torroña foi  “rápida e física, onde nos atopamos cun monte moi limpo, os percorridos caracterizábanse cun cambios continuos de sentido provocando unha carreira moi “desorientativa” e rápida o que implicaba que o gañador estivese en moi boa forma física e mantivese a concentración en todo momento”, comentan dende a sección de orientación do Peña Trevinca Barco.

Nesta carreira, Mailén Aller Pfirter conseguía o 4º posto en mulleres menores de 18 anos, Jesús Rodríguez León, que esta fin de semana deixaba a piragua e a pa, obtiña o primeiro posto en iniciación longa.

“Xa cansos da carreira da mañá, pola tarde tocaba facer fronte á carreira “sprint” no centro de Baiona, carreira física onde unha concentración constante á hora da lectura do mapa e da toma de decisións sería o factor fundamental que traería a vitoria aos participantes”, proseguen dende o club. Aquí Mailén conseguía o terceiro posto en F-18, e Remedios Durán un décimo posto, terceira entre as representantes galegas.

Finalmente, a competición celebrada o domingo na zona vella de Vigo, resultaba unha carreira moito máis longa do habitual, “onde a esixencia física volveu ser determinante para os que aspiraban a subirse a algún chanzo do podio. Neste mapa tivemos que atoparnos a unha zona ampla de rúas, escaleiras estreitas, pasadizos, lugares pechados, áreas parquizadas, con moitos cambios de dirección e cun desnivel acumulado notable”, conclúen dende o club.

Neste caso Remedios e Mailén volvían destacar, Mailén conseguía a segunda praza na xeral en “W Junior” e Remedios era sexta en “W Supervet” (segunda entre as españolas).

Con motivo da importancia de proba do domingo, xa que forma parte do circuíto europeo “CITY RACE EURO TOUR”, contouse con participación de toda España, de Portugal e de moitos países europeos.

Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button