En portadaÚltima hora

Detidos en Ourense por bater no condutor que lles pitou e un dá positivo en alcol e o agredido, en drogas

Aos detidos se lles acusa dun suposto delito contra a seguridade viaria e outro de agresión. Ambos tiñan antecedentes por delitos similares
O suceso foi no cruce da avenida da Habana con Cardenal Quevedo.

Dous homes, condutor e acompañante de 38 e 34 anos respectivamente e veciños de Ourense, foron detidos na cidade por agredir a o condutor do vehículo que lles seguía, de 42 anos e veciño da capital, porque, segundo informaron dende a Policía Local e a Policía Nacional, este lles pitara cando se puxera o semáforo en verde e o condutor detido propinoulle unha puñada e o sacou fóra do vehículo.

Os axentes recibiron o aviso cara ás cinco da tarde e o altercado prodúxose no cruce que une as rúas Cardenal Quevedo coa avenida da Habana, en Ourense.

Segundo informan fontes de ambos os dous corpos, cando se persoaron no cruce, había dous coches parados no medio da calzada e tres persoas implicadas na liorta, e os agresores, que conducían un Ford Fiesta, intentaron fuxir pero o agredido paroulles o paso pondose diante do vehículo. Fontes policiais apuntan que foron os cidadáns que pasaron polo lugar os que pararon a liorta; tamén dixeron que varias testemuñas aseguraron que o acompañante subiu novamente ao vehículo, mentres os condutores discutían, “coa intención de atropelalo”.

Dende o atestado remitido pola Policía Local e a Unidade de Seguridade Cidadá da Policía Nacional, os dous supostos agresores presentaban “síntomas de embriaguez”, e por iso se lles realizou a proba de alcolemia. Así, o condutor obtería unha taxa positiva en alcohol “superando en tres veces a taxa media permitida” e o seu acompañante negouse a facer a proba, “quen ademais tiña o permiso de conducir retirado”, apuntan fontes policiais. Ambos os dous, “moi agresivos” reza o atestado, foron detidos como presuntos autores de delitos contra a seguridade viaria e agresión. Ambos detidos xa tiñan antecedentes por sucesos similares, informaron dende a Policía Nacional.

Pola súa banda, o condutor agredido, que é profesor da autoescola Garza, foi trasladado ao CHUO ao presentares un cadro clínico aparente de lesións leves. Pero antes os axentes “vendo que o home presentaba síntomas de estar baixo os efectos de substancias”, realizáronlle a proba de alcolemia, con resultado negativo, pero a proba de drogas botou un resultado positivo, polo que se lle instruíron dilixencias xudiciais pero non foi detido.

Dende a Policía salientan que a colaboración cidadá puido diminuír a maginitude do suceso.

Artigos relacionados

Back to top button