Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

Diego Lourenzo: “Conseguimos reconstruír Verín e poñelo na vangarda das políticas culturais e de humanización”

O candidato do BNG á alcaldía de Verín participaba, xunto á voceira nacional da formación, nun mitin neste sábado na vila

 

A praza da Mercé de Verín acollía o mitín do BNG deste sábado en Verín. Nel o candidato nacionalista á alcaldia neste municipio, Diego Lourenzo, rendía homenaxe a  Emilia Somoza, concelleira de Cultura, xa que “foi motor de cambio cara un Verín dinámico e cun futuro no que brilla con luz propia. A cultura é o corazón deste pobo, e seguiremos alimentando ese corazón con máis arte e máis música”, aseguraba.

Ademais poñía en valor que “conseguimos reconstruír esta vila e poñela na vangarda das políticas culturais e de humanización. Non hai quen pare a un Verín orgulloso que mira de fronte ao futuro!”, engadía o actual tenente de alcalde de Verín.

Neste acto Lourenzo estaba acompañado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen destacou o seu “extraordinario” traballo desde o goberno local porque “foi o BNG o auténtico motor da transformación do municipio”. Por iso, augurou, Lourenzo recibirá o apoio maioritario da veciñanza “e será o próximo alcalde de Verín, porque o seu liderado é necesario para subir Verín ao máis alto, porque ten o ímpetu, as ideas e a enerxía para conseguilo”, proclamou.

Pontón puxo o foco nos proxectos desenvolvidos polo BNG desde o Concello, “empezando pola revolución cultural que fai que Verín sexa hoxe un referente nese ámbito en toda a provincia”, cunha axenda cultural que involucra a todas as xeracións e suma milleiros de participantes cada ano.

Tamén o traballo de reurbanización do espazo público, “poñendo no centro ás persoas”, un dos sinais de identidade do modelo municipal do BNG; así como a aposta por recuperar para o público a xestión de servizos básicos, “porque o importante non é maximizar o beneficio dunha empresa privada, senón prestar o mellor servizo posible á veciñanza”, indicou Pontón.

 

 

“En Verín nótanse os efectos do modelo municipal do BNG capaz de poñre en marcha concellos que melloran a vida das persoas, honestos e libres de corrupción, que saben xestionar cada euro, exemplos de democracia participativa, feministas e sustentables”, recalcou a líder do Bloque.

“Concellos dos que sentir orgullo e nos que demostramos que cando temos confianza nas nosas propias forzas facemos grandes cousas, por todo isto é moito máis, estou convencida de que Diego vai ser o próximo alcalde de Verín liderando o goberno municipal a partir do 28 de maio”, subliñou.
Fíxose moito, indicou a líder do Bloque, “pero tamén sei Diego que aínda queda moito que facer, que queres conseguir infraestruturas básicas longamente reclamadas como o parque empresarial de Tamagos ou a gardería infantil, porque é unha vergoña que a segunda vila máis grande da provincia non teña este servizo e nais e pais teñen que levar aos seus nenos e nenas fora do concello”.

Chamamento á participación

Neste sentido, fixo un chamamento á participación e á mobilización masiva de cara ao 28M, pedindo “encher as urnas de votos ao BNG como mellor antídoto contra o caciquismo 2.0 do Partido Popular”, “é o momento de participar e de reivindicar a política con maiúsculas, porque é a ferramenta que temos a xente do común para construír unha sociedade mellor”, destacou desde Verín, pedindo o voto para o BNG a todas as persoas “que levan Galiza na cabeza e no corazón, o voto de todas as persoas que queren máis para o seus concellos e pensan que se pode vivir mellor en todos e cada un deles”.

Pontón concluíu pedindo aproveitar ao máximo esta campaña, porque o BNG vai a por todas e sen poñerse límites: “Saímos a ganar un futuro mellor para Galiza, para esa Galiza en grande que queremos empezar a construír concello a concello”.

 

Artigos relacionados

Back to top button