
O pasado 10 de xaneiro faleceu en Badaxoz Domingo Frades Gaspar, académico correspondente da Real Academia Galega desde 2004, en representación do galego do Val do Ellas (Cáceres). Este recanto estremeño sitúase no extremo noroeste da provincia cacereña entre a Serra de Gata e a fronteira portuguesa e está formado polos concellos de San Martín de Trebello onde se fala o mañegu, Valverde do Fresno o valverdeiru e As Ellas o lagarteiru. Arredor do 90% dos 5.000 habitantes deste val, tamén coñecido como Val do Xálima ou Os Tres Lugaris empregan estas variedades lingüísticas que reciben en conxunto os nomes da Fala, xalimego ou valego. A Fala foi declarada Ben de Interese Cultural no ano 2001 pola Junta de Extremadura; porén, na actualidade non conta cunha base estandarizada que axude a recoñecela como lingua minoritaria.
Nado en San Martín de Trebello (Cáceres) o 18 de outubro de 1936, Domingo Frades formouse como axente de Extensión Agraria do Ministerio de Agricultura e exerceu a súa profesión en Badaxoz; mais a propia contorna cacereña do Val do Ellas, onde se labra unha paisaxe de aciñeiras, carballos, castiñeiros, oliveiras e viñedos, xunto ás tradicións e á lingua, non lle ían ser aspectos alleos e deseguida vai trasladar esta estampa de beleza natural, cultural e arquitectónica á súa escrita recadando a lingua, a toponimia, os costumes e as tradicións en senlleiros estudos, e tamén en forma de verso.
A traxectoria do autor mañego amósanos unha vida de dedicación plena ao servizo desta terra e a súa cultura, como se pode derivar das súas obras Apicultura. Apuntes para un cursillo (1977); Sierra de Gata: donde empieza Extremadura (1983); en mañego Vamus a falal. Notas pâ coñecel y platical en nosa fala (1992 e 2000, 2ª ed. revisada e ampliada); Callejeiru Mañegu (2004); e tamén as traducións que anosa, a da clásica obra de Saint-Exupéry O Pequenu Príncipi (2014) xunto a outros autores, e a de Novu Testamentu en Fala (2015), que realiza de xeito particular e que se trataría da creación máis representativa en mañego ao reproducir os trazos característicos desta fala e non do conxunto das tres variedades do val. Pouco antes do seu pasamento faise con Versus valeoris da nosa fala. Obra poética Mañega (2022), unha compilación de poemas que fora publicando entre os anos 1971 e 2004. Entre outros actos organizou ademais, o Congresu da Fala e o Seminario Internacional de Linguas Minoritarias da UE que tiveron lugar en Valverde do Fresno.
O 18 de decembro de 2004 nun plenario extraordinario dedicado ao galego estremeiro e o de Cáceres na Real Academia Galega, Domingo Frades foi nomeado correspondente desta institución en representación do galego do Val do Ellas co discurso “Por que estó contentu de falar?”, xunto a Carlos Varela Aenlle coa “Inocencia da Lingua” polo galego de Eo-Navia, Héctor M. Silveiro Fernández “Dos megos nos soutos” polo galego do Bierzo e Felipe Lubián “A carrixa no castañeiro” polo galego das Portelas. Os académicos correspondentes recibiron resposta do académico de número Francisco Fernández Rei coa disertación “Un idioma que nos une”; intervencións todas elas que expresan a consciencia sociolingüística que se vive alén das nosas fronteiras e que foron recollidas na publicación A herdanza da lingua. O galego de Asturias, León, Zamora e Cáceres (2004).
No seu discurso en mañego “Por que estó contentu de falar?”, do que se extraen dous fragmentos, Domingo Frades apela ao recoñecemento e valorización da Fala do Val do Ellas. Neste primeiro fragmento o académico correspondente fai referencia a este falar como motivo de orgullo para defender e mostra de identidade dos seus falantes:
«Debeis perdoal que esti largu introitu poera parecel que fali de mí, que anus ha pirdí agüelas que me alabaran, pero miña intención é falal de A FALA, que nun soi ei, aunque a mamara, cumu tantas otras persoas lagarteiras, mañegas i valverdeiras que a aman, practican, siglus ha, i a mantenin, valoran i difundin con orgullu i “sin pasión de parti a parti”; a defendin cumu meiu de comunicación, relicariu de tradicións i saberis, continenti i significanti de tantu cuntiniu i signíficaus, que é o principal signu i marca de identiai de cuantus hemus nacíu en esti Val do Riu Ellas, enas faldas de Xiálima, a Serra d’As Ellas i a Malvana que, en sei colu acullía aquel Salvaleón (Interamnia romana pâ algun’os) que reconquistó Fernandu II, rei tamén de Galicia, i repobló i dó Fuerus Alfonsu IX.»
Neste segundo extracto da intervención, o autor mañego alude ao interese que provocou de súpeto nos galegos a Fala, así como ao valor que ten para os seus falantes, non só meramente filolóxico, senón tamén como pegada dunha cultura compartida:
«A mutus galegus le nacei o interés por A FALA de sopetón, en contactus en “miliˮ, compañeirus de estudius, meius de comunicación. Foi pâ algún “un susto en el camino” cumu dixiera Ortega y Gasset ao visital Coria, a Vella Ciai romana i lusitana, con sei acompañanti Pío Baroja.
Dos satisfactorius encontrus i cunvivencias iniciais se pasaba a tridûs, novenarius i peregrinacións mutuamenti aproveitás por corpus i almas dacá i dalá. Porque a valoración dos falantis de A FALA, nun sólu eno filológicu, se crecei cumu apreciu, interés i apertura de diafragmas que feía intercambial nun sólu conversacións sinón tamén usus, costumbris, tradicións, historia, gastronomía, etc. Sin coñocel a “O XOCASˮ han brotau imitaoris que han sabíu uñil ao “verbu” as carnis do trillu, a esbagueira, o lagal, o muñu, o fornu, etc., i é normal chegal a un’a boiga de viñu familial i falal en ela, “feitus carniˮ, aperus i utensilius que motivan os saberis de laboris, cultivus, economías domésticas, artesanías, etc., cumu si de un’a edición de vocabularius da Escuela de Hamburgu se tratara.»
Desde tempos, a adscrición desta variedade lingüística ao galego nos somontes da Serra de Gata suscitou polémica, dada a súa situación nunha provincia estremeña fronteiriza con Portugal e o seu especial afastamento de Galicia. Deste modo, Leite de Vasconcelos, o primeiro estudoso, vincularía estes falares ao portugués, ao tempo que rexeita que se poida tratar de falas galegas dado o seu distanciamento; en troques, recoñece as similitudes obvias existentes entre o galego e o portugués. Anos máis tarde manifesta que se trataría dunha linguaxe particular ou tres formas dunha linguaxe de tipo fundamentalmente portugués.
Non obstante, a controversia e o interese ía seguir acentuándose e Lindley Cintra a mediados do Séc. XX considerou estas falas esencialmente galegas ao estudar os Foros de Castelo-Rodrigo favorecidos por Alfonso IX de León en 1209 e comprobar, simultaneamente, que era unha lingua semellante á galega, teoría que estaría vencellada coa repoboación galega desta zona estremeña nos séculos XII e XIII.
Clarinda de Azevedo a finais do Séc. XX, manifesta que no recanto noroeste da provincia de Cáceres, onde se sitúan os lugares de Valverde do Fresno, As Ellas e San Martín de Trebello que se fala un dialecto arcaico de tipo galego-portugués influenciado tamén por algúns leonesismos, teoría que xa tería argumentado con anterioridade.
Avanzando no tempo, estudos máis recentes cobraron maior relevancia a partir dos anos 90 grazas ás achegas de Xosé Henrique Costas da Universidade de Vigo, Juan M. Carrasco da Universidade de Estremadura e Enrique Gargallo da Universidade de Barcelona, que deron a coñecer as peculiaridades desta fala en diversos estudos; un dos máis recentes o do catedrático da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, especialista destes falares desde hai anos e que publica O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura) (2013), que como o propio título indica situaría o punto de mira na procedencia galega destas variedades.
Certamente, as falas do Val do Ellas son un cúmulo de trazos galegos, leoneses, portugueses, e casteláns máis recentemente, debido á súa situación e ao devir da súa historia. No relativo ao galego boa parte dos trazos son compartidos co galego oriental da área oriental-central e da área zamorana.
Tiven a honra de coñecer a Domingo Frades Gaspar e entrevistalo persoalmente nunha das viaxes ao Val do Ellas no ano 2008. Non esquecerei o seu acollemento, a admiración e a mestría coa que me falou da lingua e da cultura do Val do Ellas. Esa entrevista foi publicada no número de decembro de 2008 do Xornal O Sil baixo o título de “Estremadura no espello da fala”. Reprodúcese deseguido, so adaptación, a parte na que o académico correspondente mañego conversa arredor da Fala deste recanto de Cáceres, da implicación dos galegos na protección destes falares, e de Galicia:
«Domingo Frades Gaspar, natural de San Martín de Trebello, é presidente da asociación “Fala i Cultura” ―asociación que vela pola protección da cultura en todas as súas vertentes no Val do Ellas― e académico correspondente da Real Academia Galega dende 2004. É autor de Donde nace Extremadura, a primeira historia da Serra de Gata e as súas xentes; e dun dos manuais máis consultados de apicultura. Ao mesmo tempo, deu nome tamén a Vamus a falal, a primeira gramática sobre a Fala. A súa vida está intimamente ligada á protección e difusión da fala e con el conversamos ao respecto.
-Cal é nestes momentos a situación da Fala?
-Na Fala, hai un aspecto formal e natural que é o de falala e no que van influíndo cada vez máis outras linguas. Na escola, na igrexa e nas cousas oficiais normalmente utilízase o castelán e a fala está nese aspecto abandonada, aquí non fai falta ensinar a falar porque se aprende cos pais, os avós, os irmáns e na rúa. Axudas, hai moi poucas porque as palabras lévaas o vento e o que non está escrito desaparece e é verdade que se escribe moi pouco e ao non escribirse pois ata para ler resulta complicado, ás veces. Claro, din -isto non o entendo-, porque están acostumados a escribir en castelán e de aí vén que moitas palabras se perdan no significante e no significado e queden para o museo. Temos feito xa un vocabulario e estamos á espera de poder amplialo.
Do que estou moi orgulloso é de que hai galegos que traballaron moito máis pola Fala ca o 99% dos destes tres lugares e dígoo con moito orgullo, penso no Quique Costas e en todo o seu alumnado que pasou por aquí e que veñen encantados. Tamén, persoas como Avelino Pousa, presidente da fundación Castelao que cando vén séntese como na casa e se iso o perdemos, pérdese todo. Fálase, pero son precisas axudas e apoios por parte da Administración, porque pérdense as palabras pero tamén as tradicións e a historia, e se morren as falas, con elas morre todo.
-Cales son as iniciativas que se teñen levado a cabo a prol da súa defensa, tanto interna coma externamente?
-As iniciativas teñen sido moi boas, unha delas cando se declarou a Fala “Bien de Interés Cultural”, que era algo que levabamos tempo pedindo. Fixéronse congresos aos que asistiron investigadores de Galicia, Portugal, Barcelona, Madrid, etc. Tamén se fixo un curso de verán no que participaron estudosos da Universidade de Vigo e de Estremadura, que eran os principais organizadores e entón, chegaron á conclusión do que xa se levaba tempo propoñendo e con datos fidedignos: que isto foi amplamente repoboado coa zona galego-falante.
A min, o detalle que máis me gustou foi unha axuda que conseguimos da Unión Europea como lingua minoritaria e foi un trimestre intenso con actividades extraescolares que tivo unha acollida estupenda. Acabáronse os cartos e seguimos á espera de novas axudas. Tamén queremos reorganizar a asociación e que veña xente nova a traballar, cando haxa un conxunto de xente nos tres lugares xa se poderá facer algo, se houbese unha mancomunidade, non fai falta que sexa nin institucional nin política, de xente que poida colaborar de xeito intelectual e cultural poderíase traballar máis polo miúdo.
–Amais dos aspectos evidentes que poden ter en común coa fala galega, que outros aspectos destacaría en común coa nosa cultura?
-Pois son moitos, antes máis que agora, en Moaña por exemplo teñen o costume no San Martiño de ir probar os viños despois da misa e aquí tamén o facemos, tamén facemos queimadas despois dalgunha festa co conxuro e hai moitas devocións comúns como a de San Xoán e incluso o labor dos encaixes ou os concellos abertos que se facían antigamente. Boa mostra tamén da dimensión destas relacións é que xa podemos compartir na nosa biblioteca material de diferentes autores galegos que está ao dispor de calquera persoa que o solicite.
-Se tivese que destacar algunha característica de Galicia, cal sería?
-Galicia ten unha historia moi descoñecida pola maior parte de España e é que segue co reino de León, igual ca Estremadura. Así e todo, destacaría a apertura das súas xentes e a familiaridade; tamén a gastronomía que é moi parecida á de aquí. Hai moitas cousas que me dan envexa, coma os gaiteiros, os grupos de teatro e a inquietude cultural que existe alí. Eu viaxaría moito máis a Galicia se non fosen as distancias e os problemas de saúde.
A Fala ou o galego arcaico do Val do Ellas, cobizan a súa pronta recuperación. Entrementres, cobra forza unha desas razóns que Domingo Frades expón na súa gramática ―Vamus a falal― encarreirada á protección da Fala:
“A radón mais grandi pa defendela é que é nossa LENGUA MATERNA, a primeira lengua que un indivíduu aprendi de maneira innconscienti duranti a sua infancia i en ela han aprindiu a idel as primeiras palabras milis de vidiñus d´estis tres lugaris, duranti siglus, haian morau sempris en elis o sigan ligaus a elis vindu caicuandu a convivil en esta terra”»

Domingo Frades foi tamén o primeiro presidente da Asociación Fala i Cultura da que forman parte mañegos, valverdeiros e lagarteiros, que desde os seus inicios proxectou o coñecemento e a difusión das variedades lingüísticas faladas no Val do Xálima, nela fóronse publicando os Cuadernus da Fala. No caderno nº 0 dedicado ao tamén mañego finado Francisco Benedicto García Martín, gran persoa, gran homi, gran mañegu, esténdense varios poemas, un deles o “Barquitu da via” que di así:
En aquilu que pasó, !!ni pensal!! / e pura reminiscencia… / unha inutil impaciencia / pensal que vai a pasal.. / O millol, e cabalgal, / a lumitus da presencia, / dali a o pasau apariencia / de pressenti, y a navegal.. / En o barquitu de agora.. / en ési que corta o mar.. / pequenu, curtu de eslora… / Esta vía e un transital / y o barcu vai, sin demora / a o momentu de atracal….
Nese barquitu, pequenu e curtu de eslora, Dumingu Frades, homi enteiru i sirvicial, descansi en pa!