O devir da comarca do Ribeiro estivo marcado ao longo dos séculos pola vide. Dende época galaico-romana, pasando pola Idade Media e ata a actualidade, a súa impronta cultural e o seu peso socioeconómico ten sido clave para este territorio ourensán, amparado pola denominación de orixe máis antiga de Galicia. Así se amosaba no simposio “A pegada histórica do viño no Camiño de Santiago”, que se desenvolvía do 6 ao 8 de setembro coa participación de expertos da enoloxía, historia, arqueoloxía, xeografía ou antropoloxía de diferentes puntos da península e mesmo de fóra (de países como México ou Reino Unido).
Nestas xornadas intercalábase o coñecemento do territorio, do patrimonio e da paisaxe do viño do Ribeiro (bañado por ríos como o Miño, o Avia ou o Arnoia) coas sesións técnicas e as catas dos viños e mesmo das castes de uvas desta denominación. Esta viaxe pola historia do Ribeiro comezaba na tarde do 6 de setembro cunha visita ao Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica e ao Castro de San Cibrao de Las (San Amaro-Punxín) para coñecer os aspectos máis salientables da cultura castrexa: a súa vinculación co territorio, a organización social no ámbito local e xeral, a súa forma de cultivar a terra, o seu mundo simbólico e relixioso, etc.
Este castro, coñecido tamén como “A Cidá”, é un dos máis grandes, monumentais e singulares de Galicia, cunhas 10 hectáreas, e estivo habitado dende o século II a.C. ata o século II d.C. Os participantes neste simposio percorriano, guiados polo arqueólogo J. Carrasco, descubrindo a súa morfoloxía, con dous recintos amurallados (a “croa” ou recinto superior e o recinto inferior), a súa rúa central ou as diferenzas entre as construcións de diferentes zonas xa escavadas.
Despois, en Laias tiña lugar a primeira das sesións técnicas do simposio, un acto no que o presidente do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares, daba a benvida aos participantes. “O Ribeiro ten unha potencialidade máis alá do seu viño e queremos amosar toda a riqueza histórica que posuimos e que se remonta aos primeiros tempos, antes incluso da chegada dos romanos. É unha historia ademais vinculada ao viño e que van coñecer nestes días. Temos lagares rupestres, ordes dinásticas ligadas ao viño, séculos de esplendor coa fidalguía, etc.”.
Deseguido comezaba a asemblea xeral da Asociación Hispano-Lusa de Lagares Rupestres, na que se analizaban as actividades realizadas dende o pasado ano, no que tamén se reunía na provincia de Ourense, e se acordaban actuacións de cara a este novo exercicio. Ademais producíase un cambio na directiva, xa que a presidencia da parte española, ostentada ata agora por Juan Vicente Elías, pasa a estar ocupada pola arqueóloga María Asunción Martínez. Durante o representante da Asociación de Lagares Rupestres de Portugal, Augusto Sequeiras, comentaba o labor da súa entidade e explicaba que xa elaboraron un viño tinto e outro rosado nos seus lagares rupestres. Ambos catábanse neste simposio.
A xornada do 7 de setembro iniciábase cunha visita ao Museo do Viño de Galicia (en Santo André de Camporredondo, Ribadavia), principiando pola súa adega subterránea. Este museo está nun conxunto monumental construído no século XVIII como casa de priorado para a explotación vitícola e que dependía do Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago. Tras a desamortización pasaba a ser casa reitoral.
Logo os participantes achegábanse ao lagar rupestre “da Consuela” en Arnoia (descuberto por un viticultor e adegueiro, Pepe) e ao lagar romano do Castro de Santa Lucía (Castrelo de Miño), o primeiro datado no Ribeiro. Foi usado entre o século I d.C. e finais do século III d. C. ou inicios do s. IV, tal e como explicaba o arqueólogo Fermín Pérez. Ademais detallaba as características deste elemento arqueolóxico, unha de cuxas zonas estaba cuberta. Despois, tiña lugar un brinde da man do presidente da D.O. Ribeiro, no que que comentaba que un dos aspectos diferenciais da produción vitivinícola desta zona é a figura dos colleiteiros.
Pola tarde dábase paso a novas sesións técnicas, desta volta, no Museo do Viño de Galicia e abertas ao público. Estaban estruturadas en dúas partes. Na primeira delas afondábase na relación entre o viño e os Camiños de Santiago e comezábase coa ponencia “O Lagar Místico” de Luis Vicente Elías (doutor en Antropoloxía), na que analizaba o lagar nas representacións de Cristo. Despois, Eugenio Monesma (realizador de cine etnográfico) facía unha exposición sobre “O viño nos Camiños de Santiago do norte de Aragón”, partindo da potenciación da cultura da vide que chegou cos mosteiros, tras a Reconquista, pero facendo tamén referencias a lagares rupestres ligados a xacementos arqueolóxicos e a vías romanas.
Ademais Joaquín Berrocal (licenciado en Xeografía e Historia) falaba sobre as “Paisaxes do Viño no Camiño de Santiago do sur salmantino” e, máis en concreto das Serras de Béjar e Francia, poñéndoas en relación coas ruta xacobeas e desvelando particularidades como o seu antigo cultivo en socalcos. Finalmente, o historiador José Luis Sobrado centrábase no “Camiño dos Arrieiros” na comarca do Ribeiro, partindo unha análise da rede viaria medieval nesta zona, da figura dos arrieiros (que maioritariamente eran da provincia de Pontevedra), o tipo de carga que transportaban (viño maioritariamente branco) e o destino da mesma, principalmente Santiago.
A derradeira sesión técnica era una mesa redonda, moderada polo xornalista Javier Pérez Andrés, sobre o valor patrimonial, de identidade e turístico dos elementos, espazos e paisaxes do viño no marco das rutas xacobeas e nela interviñan María Asunción Martínez (especialista en arqueoloxía do viño), Julio Grande (licenciado en Humanidades) e César Llana (director do Museo do Viño de Galicia). Nela incidíase no valor da paisaxe e do patrimonio vencellado ao viño e ao Camiño de Santiago, como un elemento estratéxico para garantir o futuro dos territorios rurais e na importancia de inventariar e preservar eses recursos. O acto pechábase cun túnel do viño da D.O. Ribeiro que lle permitía ao asistentes comprobar as características de cada un dos brancos e tintos tendo en conta as súas variedades, solos, zonas e condicións dentro do territorio da denominación.
Finalmente, o 8 de de setembro vistiábase a Granxa do Outeiro en Francelos e facíase un percorrido guiado polo conxunto monumental do Castelo de Ribadavia e polo seu barrio xudeu e, a continuación, unha cata de diversas variedades de uva da D.O. Ribeiro, impartida por Nuria Álvarez, directora técnica desta denominación.
Estas xornadas foron promovidas polo Consello Regulador da D.O. Ribeiro e a Ruta do Viño do Ribeiro, dentro do programa “O teu Xacobeo”, e coordinadas por Paadín Eventos.
Fotos: María Ángeles Rodríguez.