
A Asociación de Música Alternativa Valdeorras (AMAVA) celebra unha nova edición da súa JamFest, “esta vez actualizada cun formato de festival que permitirá promocionar os grupos musicais locais da comarca”, tal e como adiantan.
O evento será gratuíto e terá lugar os vindeiros 7 e 8 de setembro -a fin de semana previa ás Festas do Cristo- na praia fluvial do Malecón do Barco de Valdeorras. “A beira do río Sil será o marco incomparable no que as bandas da asociación despregarán o seu talento musical”, avanzan dende AMAVA .
A programación comezará o sábado 7 cun obradoiro musical ás 11:30 horas. Posteriormente haberá unha sesión “vermouth” con música en directo. Xa ás 20:00 horas, as bandas da asociación encetarán unha longa noite de rock. Para dixerir a velada, o domingo haberá máis música cunha nova sesión “vermouth” ás 13:30 horas.
Entre as bandas que participarán no festival, hainas de recente creación e outras cunha dilatada experiencia na escena musical valdeorresa. Actuarán Mrs. Fine, Notazul, Nemrock, El Patio de Leni, Navegando a Barlovento, Fendetestas, Seika ou No-Time. No recinto do festival tamén se instalará unha barra xestionada por AMAVA, ademais de “food-trucks” que ofrecerán comida aos asistentes.
Sobre AMAVA
Fundada en 2010, AMAVA é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é promover a escena musical valdeorresa. A asociación leva case 15 anos dinamizando o circuíto alternativo mediante a xestión dun local de ensaio en Calabagueiros e promoción de concertos, festivais e “jam-sessions” na comarca.
“Aqueles que queiran colaborar coa asociación poden manifestar o seu interese aos membros da directiva ou contactar por redes sociais. Por outra banda, AMAVA está a vender unha serie de camisetas coas que poder financiar as súas actividades”, comentan dende a asociación.
