ConcellosÚltima horaViana do Bolo

Dous dos tres concelleiros socialistas de Viana pasarán a ser non adscritos

Dende o BNG considérase que este paso podería preceder a unha moción de censura para colocar na alcaldía ao popular Andrés Montesinos

Imaxe de arquivo dunha sesión plenaria en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na mañá deste venres 24 de xullo dous dos tres concelleiros do PSdeG-PSOE na Corporación de Viana do Bolo, Abelardo Carballo e Santiago Barja, presentaban no Concello un escrito solicitando pasarse ao réxime de ediles non adscritos. Esta solicitude levarase ao vindeiro pleno, previsto para o 30 de xullo.

Dende o BNG, que nestes momentos goberna en solitario en Viana con catro concelleiros (fronte aos 4 do PP e aos tres, ata agora do PSdeG), vén de emitirse un comunicado no que se considera que a “actuación destes concelleiros perverte o resultado electoral, cambia o que votaron os veciños de Viana do Bolo. O transfuguismo destes dous concelleiros pretende cambiar o resultado electoral co obxectivo de voltar a colocar na alcaldía a Andrés Montesinos e ao PP no goberno de Viana do Bolo”.

Ademais o BNG exíselle ao partido socialista que “tome medidas e impida a moción de censura en Viana do Bolo, esiximos ao PSOE que tome as medidas precisas para non perverter a vontade dos veciños”.

Dende a parte dos concelleiros que solicitaron a non adscrición aseguran que, polo de agora, non se plantexa ningunha moción de censura en Viana.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button