ConcellosO BoloÚltima hora

Dúas agrupacións forestais de xestión conxunta recuperarán senllos soutos tradicionais en Tuxe e Cambela (O Bolo)

 

Os soutos de Tuxe e Cambela, no concello ourensán do Bolo, encóntranse dentro do plan piloto de recuperación e conservación de soutos tradicionais nas provincias de Ourense e Lugo e van mellorar a súa xestión a través das agrupacións forestais de xestión conxunta, ferramenta incluída na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Ata esta zona valderresa desprazábase esta mañá o conselleiro do Medio Rural, acompañado, entre outras persoas, polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; o alcalde do Bolo, Alberto Vázquez; e polo presidente da Asociación de Veciños da Rigueira Tuxe, Javier García, colectivo que constituirá unha agrupación forestal de xestión conxunta dentro deste plan piloto. Precisamente hoxe presentouse esta entidade que, ao igual que a que se formará en Cambela, encargarase de xestionar estes terreos, ambas con apoio da Xunta, como co resto de agrupacións que se están a constituír no territorio galego.

O titular de Medio Rural puxo en valor o carácter pioneiro desta entidade, que será das primeiras en constituírse dentro de Galicia como agrupación forestal de xestión conxunta, unha ferramenta que será chave na mellora destes espazos tradicionais tan representativos do bosque galego.

Plan piloto

O conselleiro incidía na importancia do plan piloto para o fomento, recuperación e conservación de soutos, que abrangue ata sete espazos forestais en concellos das provincias de Ourense e Lugo: O Bolo (Tuxe e Cambela), Parada de Sil, A Veiga, Folgoso do Courel, O Incio e Paradela. En conxunto, tal e como sinalou o conselleiro, o plan piloto actúa nunha superficie total de 356,38 hectáreas, das cales 47,99 se corresponden co souto de Tuxe e 36,32 co de Cambela.

Unha vez seleccionadas as zonas de actuación, deuse comezo aos traballos, que incluíron a revisión do parcelario, os estudos previos de investigación da titularidade e o apoio técnico e posta en marcha de agrupacións de xestión conxunta, unha figura da devandita Lei de recuperación que segundo o conselleiro “encaixa perfectamente” con este plan.

Así, trátase de mellorar a xestión destes espazos mediante o labor conxunto, cun enfoque sustentable, para recuperar e poñer en valor os terreos, impedir o seu abandono e previr incendios forestais.

Artigos relacionados

Back to top button