OurenseÚltima hora

Emilio González recibe ao alumnado do Grao de Dereito que fai prácticas externas na Subdelegación do Goberno en Ourense

Catro alumnas e un alumno inician un período formativo de 135 horas neste organismo

 

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias, recibiron ao alumnado da Facultade de Dereito do Campus de Ourense que cursarán prácticas externas neste organismo durante un período de 135 horas, froito do Convenio de Cooperación Educativa entre a Administración Xeral do Estado e a Universidade de Vigo, asinado no ano 2019 polo Secretario de Estado de Política Territorial e o reitor da Universidade de Vigo.

Durante o encontro, Emilio González sinalou a importancia da realización deste tipo de prácticas que permiten que o alumnado “aplique e complemente os coñecementos adquiridos na súa formación académica, favorecendo a adquisición de novas competencias preparatorias para o exercicio profesional e que fomenten a súa empregabilidade. Ademais, esta experiencia permite achegar a Administración Pública a aqueles alumnos que desexen proxectar a súa carreira profesional nela”.

Durante o período de prácticas, as catro alumnas e o alumno que participan nas mesmas coñecerán, intervirán e participarán nas actividades que se desenvolven nas diferentes áreas e dependencias da Subdelegación do Goberno, tales como o Xurado Provincial de Expropiación Forzosa, o Servizo de Asuntos Xurídicos, o Servizo de Asuntos Xerais e Réxime Interior, a Área de Traballo, Inmigración e Estranxeiría ou a Oficina de Estranxeiría, entre outros. O titor do alumnado será o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias.

A última parte do período de prácticas externas levarana a cabo na Audiencia Nacional en Madrid baixo a supervisión do maxistrado do Xulgado Central de Menores Único, José Luis Castro Antonio, onde poderán coñecer o funcionamento deste órgano xudicial.

Artigos relacionados

Back to top button