ConcellosÚltima hora

Emma González: “O Xeodestino Manzaneda-Trevinca teno todo para ser moi competitivo”

A xerente do Inorde destaca as potencialidades deste Xeodestino, así como a importancia de traballar nel en produtos turísticos específicos

A xerente do Inorde, Emma González, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A natureza e o turismo activo, xunto coa enogastronomía vencellada ao turismo cultural e industrial. Estas serán as liñas de traballo principais polas que apostará o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) no Xeodestino Manzaneda-Trevinca, que comprende os concellos do Barco, A Rúa, Petín, O Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Rubiá, A Veiga, Larouco, Carballeda de Valdeorras, A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e Manzaneda.

Así o adiantaba a xerente do Inorde, Emma González, na súa primeira a Valdeorras tras asumir este cargo o 1 de marzo, con motivo da apertura dun punto de información turística no Barco.  “O Inorde é o ente réctor do Xeodestino Manzaneda-Trevinca e, polo tanto, dende aí teñen todo o meu compromiso de que imos ir dando pasos firmes para facer que esas grandes potencialidades enoturismo, gastronomía tradicional, turismo de natureza, turismo patrimonial, cultural e incluso turismo industrial que pode ser un factor diferencial interesante desta comarca”, indicaba. Ademais Emma González incidía na necesidade de crear produtos turísticos concretos neste territorio.

“A nosa liña de traballo fundamental no Xeodestino vai ser unha liña de natureza, incluso todo o turismo activo e todos os produtos asociados a esa liña, e outra de enogastronomía, vinculada con turismo cultural e industrial, o que non quere dicir que non se poida complementar con outras. Este Xeodestino teno todo para poder ser moi competitivo”, aseguraba a xerente do Inorde.

 

 

Tamén resaltaba a importancia de apostar pola “dixitalización e sustentabilidade” no eido turístico, “teñen que marcar calquera paso que vaiamos dar”; así como o cambio que vai implicar a chegada do AVE á provincia. “Estamos ante unha grandísima oportunidade para reafirmar o turismo de interior e todo a que a provincia de Ourense ten de modo xeral e esta comarca en particular”.

Camiño de Inverno

No marco do actual Xacobeo 2021/22, Emma González apuntaba que o valor do Camiño de Inverno neste xeodestino. “É un dos elementos nos que traballa tamén o Inorde. Temos un proxecto específico sobre os Camiños de Santiago, denominado “Caminos Jacobeos del noroeste peninsular”, con outros socios da Vía da Prata e que vai ser outro elemento de referencia. Precisamos ganar notoriedade, desenvolver produtos turísticos adaptamos ás demandas dun novo perfil de visitantes, con demanda de calidade, e nós estamos en condicións de poder satisfacela”.

Presenza en Intur, en novembro

Neste senso, Emma González adiantaba que o Inorde ten previsto “iniciar accións promocionais nas que vaiamos dun xeito coherente e integrados todo o territorio e poñendo en valor os recursos que diferencian a cada un. Este ano queremos participar en novembro en Intur, feira de referencia para o turismo de interior no mercado español, e nós estaremos como provincia de Ourense no marco do Xeodestino faremos unha actuación específica para atraer ese público que é o noso primemiro público obxectivo”.

 

Artigos relacionados

Back to top button