OurenseÚltima hora

Emprendedores galegos percorren tramos do Camiño de Santiago dentro do programa ’12 etapas, 12 retos’

O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, destaca a oportunidade dos participantes para mellorar os seus proxectos e xerar contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción

Publicidade

 

Na xornada deste venres 20 de outubro o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaba na 10º etapa do proxecto Galicia Camiño Emprendedor co que emprendedores galegos están a percorrer tramos do Camiño da man da Xunta e a Fundación Ronsel para impulsar o talento e o emprego; baixo o lema escollido para esta nova edición do programa ’12 etapas, 12 retos’.

Gabriel Alén sinala que os obxectivos son os de promocionar Galicia e o Camiño de Santiago como destino de lecer e actividade económica, percorrendo algunha etapa de todos os roteiros oficiais do Camiño de Santiago e pasando polas 4 provincias galegas, apoiar aos e as profesionais autónomos e empresarios e empresarias, acompañándolles na consolidación e mellora dos seus negocios e promover a sustentabilidade nas empresas de economía social, autónomos e empresarios, vinculando os seus negocios aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

 

 

O delegado territorial explicou que nesta etapa de hoxe, polo Camiño Mozárabe ou Vía da Plata, que discorreu por terras de Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía e Ourense baixo o reto da Viabilidade do emprendemento no rural, coa finalidade de apoiar ás persoas que teñen en mente iniciar un proxecto empresarial mediante un proceso de mentoring a través da realización das etapas do Camiño de Santiago. Nesta edición está prevista a participación dunhas 200 persoas entre emprendedores e mentores.

Gabriel Alén destacou a oportunidade dos participantes para mellorar os seus proxectos e xerar contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción, no caso de que sexa preciso, sempre da man dunha mentora ou mentor que se adapta á realidade de cada emprendedor.

 

 

Cada etapa, ademais de ter como obxectivo principal a mellora dos proxectos participantes e a xeración de contactos profesionais, terá como obxectivo transversal o seu propio reto. Cada reto representa algo que queremos construír, defender e promocionar, por pequeno que sexa, dentro do noso emprendemento, e contribuír así á sustentabilidade e a igualdade de oportunidades na nosa contorna.

A próxima etapa, a do mes de novembro, desenvolverase polo Camiño  Portugués da Costa entre A Guarda e Baiona entre os días 10 e 11 de novembro baixo o lema intelixencia emocional: xestionemos mellor as nosas relacións profesionais. O programa rematará en decembro en Santiago de Compostela, coincidindo coa capitalidade da economía social que este ano ostenta a cidade galega.

Os interesados en participar nas próximas etapas poden inscribirse a través da propia Fundación Ronsel, a páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade ou a Oficina do Autónomo de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button