EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

En marcha o Festival do Viño da Ribeira Sacra, que reúne a 34 adegas en Monforte

 

Vén de inaugurarse a sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, que se celebrará do 5 ao 7 de xullo no paseo do Malecón dest cidade. No acto, o alcalde de Monforte, José Tomé, estivo acompañado por unha ampla representación institucional, ademais de polo pregoeiro desta edición, Antonio Lombardía Crespo, presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra.

Un dos aspectos máis destacados desta sexta edición é o incremento no número de adegas participantes, que aumentou en catro con respecto á edición de 2023 e en 7 con respecto a 2022, participando neste ano 34 adegas, que supoñen o número máis alto nas 6 edicións que se levan celebrado do Festival do Viño. Todas ofrecerán ao visitante a posibilidade de degustar e gozar dunha ampla variedade de viños que non deixarán indiferente a ninguén, nunha contorna natural, tranquila e confortable á beira do Río Cabe.

Neste senso, o alcalde iniciou a súa intervención agradecendo ós adegueiros “o seu compromiso, esforzo e pola colaboración, porque gracias á vosa xenerosidade imos poder disfrutar dun evento que proxecta a calidade e a excelencia dos nosos viños nun mercado moi amplo e que fai de reclamo para a comarca de Lemos e para a Ribeira Sacra, como a min me gusta dicir, un anaco de Paraíso no interior de Galicia”.

O Festival do Viño da Ribeira Sacra é unha iniciativa do Concello de Monforte que botou a andar en 2017 en colaboración co Consello Regulador da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, e que naceu debido a que o viño foi o elemento central do desenvolvemento e do crecemento exponencial que tivo a Ribeira Sacra nos últimos 25 ou 30 anos en todos os aspectos, cultural, paisaxístico, gastronómico, artesán, turístico e no sector vitivinícola. “promocionar os nosos viños é o mesmo que promocionar a Ribeira Sacra no seu conxunto”.

Desta forma, dende o Concello, para levar a cabo esta promoción ideouse unha proposta diferente cun amplo e completo programa de actividades que xiran en torno ó viño, que é o auténtico protagonista do Festival. “O traballo feito polo sector do viño nas últimas tres décadas, merece este esforzo, e danos argumentos para sentirnos orgullosos do que temos alcanzado”, destacou o Alcalde.

“Esta mostra de viño”, salientou o alcalde, “formada por adegas que representan ás distintas subzonas da D.O. Ribeira Sacra, reforza a imaxe do sector vitícola e dun destino turístico que está de moda e que xira, entre outras cousas, entorno á cultura do viño. Un turismo de experiencias, familiar, tranquilo e de calidade, que son as mesmas características que posúe o noso Festival”.

O sector do viño é hoxe unha peza clave na economía da comarca, e nel compaxínase a tradición do cultivo en terraza coa innovación tecnolóxica na elaboración dun viño de calidade en adega, que compite con calquera denominación do Estado español, e tamén no eido internacional, como atestiguan os premios acadados nos eventos estranxeiros.

Tamén aludía José Tomé ao “momento actual de dificultade que pode estar a atravesar o sector do viño”, a pesares do cal, “o sector ten por diante un gran potencial, e temos que contribuír a que siga medrando, buscando novas estratexias de posicionamento nos mercados e novas fórmulas de atracción para clientes e turistas”. O rexedor animaba aos monfortinos e visitantes a participar nesta mostra ata o domingo porque “este é un evento para desfrutar o viño, nun ambiente tranquilo, cos amigos, coa familia, ou como crea cada persoa que é máis conveniente dende o punto de vista individual ou colectivo. Por iso, este é o Festival de todos os que amamos o viño da Ribeira Sacra”.

Adegas participantes e Zona de gastronomía

As 34 adegas participantes nesta sexta edición do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte, supón a participación máis alta das edicións que se levan celebrado, son:

A Man de Prado
Abadía da Cova
Adega Carqueixa
Adega Vella
Algueira
Alma das Donas
Alouviño
Asolagados
Cardenal R. de Castro
Castrofiz
Cividade
Condado de Sequeiras
Corzoás
Cruceiro
Don Bernardino
Finca Cuarta
Finca Míllara
Galanteiro
Guímaro
Gullufre
Lucenza
Malcavada
Os Cipreses
Pazo de la Cuesta
Petrón
Peza do Rei
Ponte da Boga
Rectoral de Amandi
Regina Viarum
Santa Mª de Nogueira
Tear
Tolo do Xisto
Vía Romana
Viña Vella

Ademais, o festival conta cunha Zona de Gastronomía que contribuirá a acompañar mellor a degustación dos viños. Este ano auméntouse o número de stands diversificándose a súa oferta. Son un total de 12 participantes nesta edición, con respecto ós 10 da edición anterior, repartidos por todo o recinto, e ofrecerán produtos da zona, dende queixos, postos de xamón, xeados artesáns, panaderías ata racións máis elaboradas feitas por restaurantes de Monforte de Lemos.

Os integrantes desta zona gastronómica son:

Queso negro Buleri
Lácteos Ribeira Sacra
Embutidos Valentina
Xamóns D. Francisco
Xamóns Roberto
Helados Xeou
Panadería Fernández
Panadería La Luna
Restaurante Aquelarre
Restaurante El Hórreo
Restaurante Galicia
Tres Fuciños Porco Celta

Programa musical

As actuacións musicais son outro dos piares do festival, e ó igual que o ano pasado, terán lugar no propio recinto do Festival. O Paseo do Malecón acollerá 3 actuacións musicais os días 5 e 6 de xullo.

O venres 5 de xullo, a inauguración oficial, abriu coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ás 20:30 h. Tocaron o Himno do Antigo Reino de Galiza, o Himno Galego e o Himno Antergo, dirixidos por Xosé Lois Foxo, quen, unha vez rematada a actuación, recibiu do Alcalde un agasallo conmemorativo, consistente nunha réplica da Torre da Homenaxe.

Tamén, hoxe venres ás 23h. tocarán os Gin Toni’s, banda divertida, apaixonada e elegante que cada noite logra unha conexión incrible co público dos seus concertos. Fan versións das mellores cancións do Pop e do Rock españois dende os anos 80 ata a actualidade. O seu repertorio está cheo de cancións coñecidas que nos transportarán ás Décadas de Ouro da música española.

O sábado 6 de xullo ás 23:00 h., será a quenda dun grupo monfortino de referencia, Malenne, que cada vez está acadando maiores éxitos grazas ó seu directo espectacular. O seu repertorio inclúe as versións máis coñecidas do pop español e do indie rock.

Talleres de cata de viños da D.O. Ribeira Sacra e Masterclass

Nesta edición o programa conta dous obradoiros de cata con diferente perfil:

O sábado 6 de xullo, de 11:30 a 13:00 h., terá lugar o obradoiro práctico e sensorial “Enológo por un día na Ribeira Sacra” a cargo de Iván Olmedo, membro de Asociación Galega de Enólogos.

O domingo 7 de xullo, no mesmo horario, celebrarase o obradoiro sensorial “Descobre… Suelos Ribeira Sacra: Pizarra vs. Granito” a cargo de David Pascual, enólogo e presidente da Asociación Galega de Enólogos.

Debido ó grande éxito de participación que tivo o ano pasado a Masterclass, este ano ampliase a dúas sesións, que estarán impartidas por Isabel Lozano e Roberto Gándara da Asociación de Sumilleres de Galicia.

Ambas sesións serán en horario de 13:30 a 15:00 h.: O sábado 6 de xullo terá lugar a masterclass titulada “Viños do Vello Mundo que recordan a Ribeira Sacra” e o domingo 7, “Terriña: suelo, clima, variedades e elaboración na Ribeira Sacra”.

Todos os obradoiros e masterclass son gratuítos e faranse na zona acondicionada como Sala de Catas dentro do recinto do Paseo do Malecón. Pero como o número máximo que poden participar en cada un deles é de 30 persoas, é necesario facer reserva previa no teléfono 621 40 34 88 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

Programa infantil

O Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte contará, como estes anos, con actividades infantís, pois este é un Festival dirixido ás familias, nos que os nenos tamén teñen presencia neste Festival. Para elo, acondicionarase unha zona á beira do Rio Cabe para que os máis cativos podan desfrutar de diferentes obradoiros.

O sábado 6, de 12:30 a 13:30, terá lugar o Contacontos a cargo de Anxo Moure. E de 19:30 a 20:30 h. Títeres a cargo da compañía Tarabelos.

O domingo 7, de 12:30 a 14:00 h. un Obradoiro de olería tradicional da Ribeira Sacra a cargo de Figulus. E de 19:30 a 20:30 h. un Showcooking impartido por Velaísca Animación.

Vinorutas polo Sil e o Miño

O Concello de Monforte segue apostando polas Vinorutas. As dúas que se ofertan este ano, permitirán desprazarse aos que se anoten nelas ata o lugar de orixe dos viños de Ribeira Sacra, onde poderán contemplar os viñedos e os ríos que bañan as ladeiras así como diferentes adegas. Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa “viticultura heroica”.

Todas as Vinorutas partirán do Parque dos Condes, onde nun microbus cun guía profesional levará os anotados ata os enclaves protagonistas destas rutas, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 621 40 34 88 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

A Vinoruta do Sil, Quads pola Ribeira do Sil terá lugar o sábado 6 de xullo, con saída ás 9:30 h e consistirá en facer unha ruta de medio día en Quad.

Cada quad ten 2 prazas e iremos acompañados por un monitor en todo momento. Visitaranse miradoiros sobre o Canón do Sil, achegarase ó Lago de Rosende, baixarase á Fervenza de Portizó e terán lugar visitas guiadas a dúas adegas dentro da D.O. do Viño Ribeira Sacra, a adega Malcavada en Rosende e a adega A Man de Prado en Bolmente. Esta Vinoruta ten un prezo de 55€ por persoa.

O domingo 7 de xullo, a Vinoruta do Miño, Coñecendo a Ribeira do Miño en Zodiac, permitirá coñecer a ribeira do Miño en Zodiac. Saíndo ás 9:45 h., comezará coa visita á adega Abadía da Cova no “Cabo do Mundo”. A continuación irase á praia da Cova para facer un percorrido en zodiac e ver os viñedos en terrazas desta Viticultura de Montaña. Farase unha parada na Fervenza de Augacaída de 30 metros de altura. A continuación desembarcarase na fermosa vila de Belesar para ir á adega Vía Romana e degustar os seus viños. Esta Vinoruta ten un prezo de 40€ por persoa.

Horarios do Festival do Viño de Monforte 2024

Os horarios de apertura e peche dos stands deste Festival do Viño, que se amplían un pouco con respecto ó ano pasado, serán: o venres 5 de xullo de 7 da tarde (19:30 h) á 1 da mañá, sendo á inauguración a partir das 20:30 horas.

O sábado 6 de xullo, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h), e das 7 da tarde (19:00 h) ás 1 da mañá.
E o domingo 7, de 11 da mañá a 3 da tarde (15:00 h) e das 7 da tarde (19:00 h) ás 12 da noite.

Back to top button