EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Entrega de enxertos de vide aos viveiros galegos na Evega

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de facer entrega aos diferentes viveiros galegos de enxertos de vide de variedades como o Albariño, o Caíño Tinto ou o Espadeiro. O acto de entrega celebrábase nesta semana na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), situada no concello ourensán de Leiro. A iniciativa busca impulsar a transferencia dos resultados da investigación agraria na nosa comunidade; neste caso, na produciónde material vexetal de vide.

A selección clonal, enmarcada no traballo que leva desenvolvendo a Evega dende hai máis dunha década, é unha técnica de mellora xenética que permite seleccionar, dentro da variabilidade existente nunha variedade de vide, aqueles ecotipos que presentan mellores características agronómicas e mellor potencial enolóxico.

 

 

A utilización de material clonal permite que as producións sexan mais homoxéneas e que os viñedos cada vez teñan máis calidade e mellor sanidade. Esta entrega configúrase como un fito histórico que responde ás demandas do sector, xa que mediante un sistema de reprodución conservadora e de trazabilidade garántese que o material seleccionado chegue ao viticultor con identidade varietal e garantías sanitarias.

Artigos relacionados

Back to top button