CulturaCulturaÚltima hora

Escavación nos antigos edificios do Destacamento Penal da Mina de Valborraz

A partir do 21 de xuño o equipo de Sputnik Labrego iniciará a terceira campaña arqueolóxica nos montes de Casaio

Panorámica das Minas de Valborraz en Casaio (Carballeda de Valdeorras)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na minería do wolfram fará especial incidencia na súa terceira campaña arqueolóxica en Casaio (Carballeda de Valdeorras) o equipo de Sputnik Labrego. A intervención desenvolverase entre o 21 de xuño e o 2 de xullo. “Unha das novidades máis importantes desta campaña é a intervención nas minas de volframio de Casaio, especialmente na mina de Valborraz, coñecida pola súa importancia estratéxica durante a Segunda Guerra Mundial”, adiantan os investigadores. Un dos obxectivos máis relevantes será a escavación dos antigos edificios do Destacamento Penal da mina, que estivo activo entre 1942 e 1944.

“O noso propósito é valorar o estado de conservación das estruturas ligadas ao Destacamento Penal e analizar en detalle as condicións de vida dos presos que estiveron alí”, comenta Carlos Tejerizo, co-director do proxecto, “isto é esencial para entender o impacto que tivo o Franquismo nas poboacións rurais da contorna, algo similar ao que estudaran recentemente no Val dos Caídos”, remata.

Neste regreso aos montes de Casaio, o equipo seguirá traballando nos campamentos da guerrilla antifranquista dentro da coñecida como “Ciudad de la Selva”. Nas dúas primeiras campañas xa escavou cinco destes campamentos, obtendo un dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes ligados á actividade guerrilleira en toda Europa Occidental.

“Os obxectivos desta campaña son escavar aqueles campamentos máis afastados, que pensamos servirían como nodos de comunicación entre os estabelecementos principais da Ciudad de la Selva, como son os campamentos de Morteiras e da Bruña, que xa escavamos nos anos 2018 e 2019”, dinos Alejandro Gutiérrez, co-director da intervención. Unha campaña moi complicada, como comentan desde Sputnik Labrego, dadas as dificultades loxísticas para achegarse a estes campamentos e nun contexto de COVID que obrigará a tomar as medidas de protección precisas.

Esta campaña está financiada parcialmente con fondos do Ministerio de Presidencia para actividades ligadas á Memoria Democrática e apoiada pola Comunidade de Montes de Casaio.

Artigos relacionados

Back to top button