ConcellosÚltima hora

A estación de Manzaneda arranca a tempada con melloras nas súas instalacións

Ademais de reformas nas pistas, tamén se vén de abrir ao público o novo Albergue Bibei
Usuarios nas instalacións da Estación de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.
Usuarios nas instalacións da Estación de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

Con novidades enceta a nova tempada a Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda. Nela realizábanse traballos nas pistas: instalando 500 metros de cortaventos nas pistas Regato, Lebres, Do Río e zona de acceso ao telesquí de 4 prazas. Asemade na pista Pluviómetro 2 realizáronse traballos de ampliación e acondicionamento no su tramo superior, tamén se teñen realizado traballos de limpeza e desbroce en todas as pistas.

Tamén se vén de mellorar a oferta de aloxamento da estación, coa apertura do novo Albergue Bibei, situado a pé de pistas, no edificio da piscina “e que engade 86 prazas máis ás xa existentes, neste caso en formato literas. Isto ten sido posible a través dunha subvención da Deputación de Ourense”, tal e como se indica dende Oca Nova Manzaneda.

Outra das novidades, xa no referente á páxina web da estación www.manzaneda.com é a incorporación de tres cámaras web, situadas en puntos estratéxicos deste complexo, que permiten ao usuario comprobar en tempo real o estado da estación. Outra novidade para a presente tempada é a publicación dunha revista con toda a información sobre os seus servizos e que se distribuirá de forma gratuíta.

“Tras un arranque de tempada no que a meteoroloxía permitiu a apertura de pistas para os amantes do esquí e o snowboard dende o día 26 de novembro ata o día 2 de decembre, Oca Nova Manzaneda segue á espera de que as precipitacións en forma de neve permitan reabrir remontes e pistas. Mentres tanto continúan en funcionamento os servizos de hostelaría, aloxamento, piscina climatizada e SPA”, indican dende a estación.

Artigos relacionados

Back to top button