Pasadas as catro e media da tarde do mércores 29 de novembro chegaba a explanada situada debaixo do campo de fútbol das Carrelas, en Viana do Bolo, un trailer cunha carga moi especial. Eran unhas 36 unidades de forraxe doadas por produtores da zona coruñesa de Ordes, nun xesto de solidariedade cos gandeiros desta zona ourensá que levan meses demandando axudas para poder alimentar aos seus animais, tras un ano marcado polas xeadas e a seca, así como polos lumes.
Ademais, viaxaba unha representación dos gandeiros que aportaban esta forraxe, algúndos dos cales pertecen á Cooperativa Agraria Comarcal de Ordes. Á súa chegada a Viana eran recibidos polo seu alcalde e polo concelleiro de Medio Rural, Secundino Fernández e Santiago Barja, respectivamente.
Despois procedíase a descargar as unidades e a repartilas entre a ducia de gandeiros da zona que se tiñan inscrito previamente para optar a elas. “Cada un dos gandeiros cargou tres unidades”, explica o concelleiro de Medio Rural vianés, que tamén é gandeiro, Santiago Barja. Ademais expresa o seu máis profundo agradecemento a estes produtores. “Estamos máis que agradecidos. Isto é un acto totalmente voluntario e ao marxe da consellería, un xesto entre gandeiros e significa moito para nós, supón un acto de solidariedade moi grande para nós, é máis nun ano coma éste, tan difícil. É máis facéndoo deste xeito, de forma totalmente gratuíta e traendo ata aquí a forraxe”.
Tamén o alcalde de vianés, Secundino Fernández, amosaba o seu agradecemento.”Ante o abandono da administración da Xunta de Galiza teñen que ser os propios gandeiros doutras zonas os que donen parte da sua forraxe e custeen o transporte para facer chegar a todos as gandeirías que están a sufrir un ano catastrófico, tanto das xeadas como da grande seca que deixou as explotacións sen forraxes”.
Fotos cedidas.