
Arredor da singularidade do Entroido de Laza xira o documental “Entroidar”, dirixido polo compostelán Pablo Ces. Este traballo estreábase na tarde deste 8 de setembro no marco do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV de Verín con cheo total do aforo do Auditorio de Verín. Moitos dos espectadores viñan de Laza.
Tras a súa primeira visita a este Entroido, en 2018, o director da obra quedou impresionado pola autenticidade da festa e decidiuse a filmar un documental de índole etnográfica, que agarda poida ter percorrido “en diferentes festivais”.
O documental busca desbotar mitos e quere achegar unha ollada a “como se transforman as persoas que están detrás dos personaxes do Entroido de Laza”.
Durante a pasada edición do FIC Vía XIV, celebrada en 2019, exhibiuse un avance deste documental e celebrouse un coloquio posterior no que participou o seu director, Pablo Ces. Cunha dilatada traxectoria no eido audiovisual, Ces conta cun premio Mestre Mateo, que obtivo en 2011 polo documental As silenciadas.