
Cunha compaña moi especial, o director de “Entre pastores e lobos”, Manuel Pedrosa, e os guionistas do filme, Pedro Alonso e Mariam Mariño, presentaban este documental no Teatro Principal de Santiago na tarde do 7 de abril.
Ata alí se desprazaban seis dos protagonistas deste traballo, rodado no Macizo Central Ourensán, así como os alcaldes de Manzaneda e Viana do Bolo, Amable Fernández e Abelardo Carballo, a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, e o concelleiro vianés Santiago Barja.
Entre documental é un dos once filmes da sección oficial da 16 Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, que se está a desenvolver nestes días en Compostela.
Á súa chegada a Santiago a representación de Viana, Vilariño e Manzaneda era recibida polo director e guionistas do filme, así como por representantes da mostra e do Museo do Pobo Galego. Xa no teatro, e tras unha breve presentación, dábase paso á proxección deste traballo.
“Entre pastores e lobos” relata as experiencias dos últimos pastores das serras, ligadas ao ciclo natural das estacións e da montaña e, céntrase, de xeito especial, na súa convivencia co lobo.
