ConcellosGalerías de fotosRubiáÚltima horaVídeos

Eva Iglesias e Eva Piay presentan “O estraño ser” no CEIP P. Virxe do Camiño de Rubiá

O alumnado descubría a historia deste conto ilustrado e logo participaba nun imaxinativo xogo de debuxos

 

Con moita ilusión e emoción volvían Eva Iglesias e Eva Piay ao colexio no que estudaban anos atrás, o CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá. Faciano na tarde deste venres 22 de abril para presentar un traballo moi especial, o conto ilustrado “O estraño ser”, do que son, respectivamente, autora e ilustradora.

O alumnado e o profesorado deste centro valdeorrés recibíaas cun aplauso e cun par de murais nos que recreaban o fondo mariño, plasmaban o título do conto e tamén a mensaxe principal desta historia cun esperanzador final: dar luz á importancia de ver máis aló da apariencia.

 

 

A autora do texto, Eva Iglesias, comezaba dándelle lectura ao conto coa axuda de Inés, mentres Eva Piay proxectaba na parede as ilustracións a medida que se narraba a historia. Ademais, os nenos podían seguila co seu propio exemplar do libriño, agasallo do Concello de Rubiá.

 

 

Unha vez rematada a lectura, Eva Piay propoñíalles aos escolares un xogo: debuxar os seres máis estraños posibles. E amosaba varios exemplos elaborados por ela mesma.

 

 

A partir de aí, os máis pequenos sacaban os seus lápices de cores e, nos papeis que se lle repartían, comezaban a debuxar cabezas de estraños seres, corpos e colas que, logo, se ían intercalando para converter, en máis estraños aínda, os seres resultantes desas imaxinativas pinturas.

 

Artigos relacionados

Back to top button