ConcellosEn portadaRubiáÚltima hora

Exitosa presentación en Rubiá do conto ilustrado “O estraño ser”, de Eva Iglesias e Eva Piay

A Casa da Cultura enchíase de público de todas as idades para acudir a este acto

 

Naceu como unha historia que Eva Iglesias lle contaba aos seus sobriños para durmir. “Eles sempre me pedían o conto dos tres porquiños e eu estaba cansa de contarllo, así que un día díxenlles, imos contar outro e, entón inventeime a historia de “O estraño ser”. Pensei que nin se ían acordar del, pero comprobei que sempre mo pedían. E eu volvía a contarllo”.

Agora esa fermosa historia, cargada de mensaxes, vén de publicarse acompañada das coidadas ilustracións de Eva Piay. Ambas autoras, naturais de Rubiá, presentaban na tarde de onte nunha abarrotada Casa da Cultura desta localidade este libro, que é ademais o primeiro editado por Scribook. Os numerosos asistentes (entre os que había moitos pais, nais e nenos) ao acto eran recibidos pola música do cantautor valdeorrés Sito dende as seis e media. A partir das sete comezaba a presentación do acto propiamente dita na que a concelleira de Cultura de Rubiá, Laura Iglesias, ía dando paso a Lola Pena Dovale, escritora, xornalista e directora da Editorial de Scribook, que acompañaba na mesa as dúas autoras do libro.

Foi unha presentación a modo de entrevista, na que ambas contaban a súa participación neste singular proxecto que comezou a xestarse cando Eva Iglesias quixo conservar ese conto para regalarllo, impreso aos seus sobriños. “Os nenos medran moi rápido e estes momentos, que para min son superbonitos e creo tamén para eles, van pasar dentro duns anos e xa non me van pedir máis que lles conte esta historia. Por iso a miña idea inicial era imprimilo e regalarllo no pasado Nadal”, explica a autora. Ao ver os custes da impresión, decidía que, xa de facer ese investimento, que o conto quedase bonito e completalo con boas ilustracións.

 

Eva Piay (ilustradora) e Eva Iglesias (autora) con exemplares do libriño “O estraño ser”.

 

Con esa pretensión contactaba coa creadora Eva Piay. “Sabía quen era pero non nos coñecíamos porque a diferenza de idade é bastante grande. Cando lle propuxen a iniciativa, aceptou e foi un gusto traballar con ela. Estamos as dúas contentas de ternos coñecido a raíz diso”, en palabras de Eva Iglesias. Esa parte creativa e de como foi o desenvovemento do proceso creativo explicábaa Eva Piay durante a presentación.

E foi xustamente cando ambas estaban nese punto do proxecto, cando a plataforma de escritura na que Eva Iglesias leva tempo formándose acordaba crear unha editorial para os seus autores. “Cando estabamos valorando iso, Eva que é da nosa canteira dende hai xa moito tempo, díxonos teño un conto infantil, falei cunha ilustradora e quéroo publicar. Nese intre xuntáronse as dúas ideas, liámonos á manta a cabeza e dixemos, adiante. E foi a maneira de empezar. A coxuntura déusenos de tal maneira que vimos que era o momento”, contaba Lola Pena.

Eva Iglesias tiña un primeiro borrador, similar ao conto actual, pero que traballou e puliu co apoio e suxerencias de Scribook ata dar lugar ao actual libriño, ao mesmo tempo que estaba en contacto con Eva Piay para as ilustracións da obra.

“Poder conseguir lanzar un libro e que haxa unha presentación oficial coa autora e a ilustradora constitúe un primeiro fito”, engadía a responsable de Scribook,” a partir de aquí virán moitos máis. É como poñer a nosa primeira pedra no mundo editorial. Estamos felices. Dende Scribook publicamos en decembro de 2021 un primeiro libro, unha antoloxía de relatos dos autores que asisten semanalmente aos talleres de escritura e que se forman na nosa plataforma. Vimos que había relatos moi bos e quixemos darlle unha primeira saída ao mundo a eses autores. Ao ver a boa acollida que tivo comezamos a valorar a posibilidade de montar unha editorial, que non é unha editorial ao uso senón só para os autores de Scribook E xa temos outros escritores da canteira de Scribook que están desexando rematar as súas novelas e que as revisemos para podelas publicar, é o principio, esperemos dunha gran historia”.

 

 

A presentación continuaba ás sete media da tarde coa sinatura de libros por parte das valdeorresas, que se prolongaba case unha hora, mentres volvía soar a música de Sito. Entre os numerosos asistentes ao acto estaba tamén o alcalde de Rubiá, Elías Rodríguez. Tanto a autora como a ilustradora agradecen o agarimo e apoio demostrado pola veciñanza cara o seu traballo, “foi moi bonito”, e tamén o apoio de Scribook. A súa intención é realizar algunha presentación máis do conto en centros escolares e tamén estarán na Feira do Libro do Barco, en maio.

“Este conto infantil, O estraño ser, publicámolo tanto en galego como en castelán. É o primeiro libro da editorial que busca impulsar aos autores de casa, os da nosa canteira”, resalta Daniel Hareg, CEO da plataforma de escritura Scribook que detalla tamén as singulares deste proxecto editorial. “Decidimos romper un pouco os esquemas, o mundo editorial é un pouco arcaico nalgúns momentos, están os grandes grupos editoriais, por unha banda, que lle dan pouca oportunidade habitualmente aos autores noveis. Nese senso, Scribook nace para romper ese esquema, nin é autopublicación por parte do autor, hai presentacións co libro, dende calquera parte do mundo pode mercarse a través de Amazon, tamén se publica en papel e o autor lévase moito máis polo libro que vende. Entón é unha fórmula distinta, cremos que innovadora e sobre todo máis equilibrada para os autores. Interésanos o seu éxito a súa proxección”.

E sobre O estraño ser, Hareg destaca que “é un conto ilustrado que dalgunha maneira complementa a mensaxe da escritora. Como libro é moi bonito, entretido as ilustracións son preciosas e apostamos por este conto infantil tamén basicamente pola mensaxe principal que transmite: trasladar ao neno a importancia de nunca xulgar polas apariencias. Agora a ver que din os máis pequenos e os pais”.

Este libro está, polo de agora, dispoñible na Librería Teresita de Rubiá.

Fotos cedidas.

Acceso ao contido de “O estraño ser” en https://www.scribook.com/extranoser

 

Artigos relacionados

Back to top button