En portadaÚltima hora

Exitosa xornada promocional da D.O. Valdeorras en Lugo

O acto incluía un túnel do viño no que se podían degustar 45 referencias desta denominación de orixe

 

O Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo albergaba neste 16 de abril o evento promocional “Valdeorras, berce mundial do godello, que foi organizado polo Club de Cata Vitislucus en colaboración co Consello Regulador da D.O. Valdeorras e co Club de Viños do propio espazo no que se desenvolveu a iniciativa. En xornada de mañá e tarde, numerosos profesionais e amantes do viño puideron participar nun “túnel do viño” con 45 referencias de diferentes adegas da comarca, das que 28 eran de godello.

Dentro desta intensa xornada, os participantes tamén puideron asistir a unha cata maxistral a cargo do director técnico da D.O., Jorge Mazaira, para a que se esgotaron as 25 prazas dispoñibles. Ao mediodía, tivo lugar unha comida-maridaxe, na que os asistentes puideron degustar unha exquisita selección de pratos tradicionais, acompañados dalgúns dos mellores viños de Galicia.

O presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos, afirmou, que “o mercado galego é esencial para a Denominación de Orixe Valdeorras. Ao mesmo tempo que continuaremos promovendo accións noutros puntos de España e no estranxeiro, para o noso Consello Regulador é fundamental a promoción e a posta en valor dos nosos viños dentro das cidades e vilas da nosa Comunidade Autónoma. E para iso seguiremos apostando por eventos como o que organizamos con tanto éxito de público hoxe en Lugo”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button