ConcellosÚltima horaVilamartín

Falece a valdeorresa María del Pilar Rodríguez Prada, viúva do escritor Valentín Paz-Andrade

Natural de San Miguel de Outeiro (Vilamartín) coñecía ao autor en Trives en 1936, casaba con el 3 anos despois

María del Pilar Rodríguez Prada, no despacho de Valetín Paz-Andrade, nunha imaxe tomada en 1999./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Na madrugada do luns 12 de agosto falecía aos 104 anos de idade a valdeorresa María del Pilar Rodríguez Prada, viúva do escritor, xurista e empresario Valentín Paz-Andrade, quen fora homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2012. Nacía en San Miguel de Outeiro (Vilamartín de Valdeorras) e vivía nesta localidade ata os nove anos, “despois estiven interna na Compañía de Jesús na Coruña. Coa República os nosos familiares leváronme a casa e estiven un tempo, ata que se estabilizaron as cousas en Pobra de Trives, despois fun a Madrid, e o ano anterior á guerra civil paseino en Granada”, contaba María Pilar Rodríguez nunha entrevista que lle concedía ao Periódico O SIL a finais de 1999.

Era en Trives onde esta valdeorresa, sobriña do poeta Manuel Valcarce, coñecía a Valentín Paz-Andrade, que era desterrado primeiro a Verín e logo á Serra de Queixa en setembro de 1936. “Todo o que eu oía falar del era malo, pero a medida que o ía tratando vía que Valentín non era aquilo que dicían del, encontrábame moi ben sempre ao seu lado e tiña unha conversa moi agradable. Para min era un mundo novo que empezaba a descubrir. Naquel entón eu aínda non cumprira os 19 anos. No intervalo de tempo que pasou ata que casamos, víamonos e escribíamonos. Naquel intre tiñamos que mandar as cartas abertas por correo pola censura militar. Despois casamos en Ourense en 1939”, tal e como explicaba na conversa co Periódico O SIL.

 

Casa familiar de María del Pilar Rodríguez Prada en San Miguel de Outeiro (Vilamartín)./ Foto cedida.

 

Tamén comentaba que “Valetín gústaba moito de ir a Valdeorras, da súa paisaxe… Cando íamos tamén levabamos amigos, así estivemos nas Ermidas con Seoane e con Díaz Pardo”. Con Paz-Andrade compartía 50 anos ata o falecemento do escritor en 1987, con 89 anos.

Un año de casar co escritor, nacía o único fillo da parella, Alfonso Paz Andrade, que perdía a vida o pasado ano nun accidente na localidade pontevedresa de Gondomar aos 80 anos de idade.

Artigos relacionados

Back to top button