ConcellosÚltima hora

Falece o historiador Antonio Castro Voces, natural de Quereño (Rubiá)

 

Valdeorras di adeus a un dos seus intelectuais. O historiador Antonio Castro Voces, unha persona moi querida na comarca, falecía esta tarde no Hospital Nacional de Parapléxicos de Toledo. Era natural de Quereño (Rubiá), e nesta localidade que adoraba, residía a meirande parte da súa vida. Realizaba os seus estudos de secundaria no Barco, formando parte da primeira promoción do hoxe IES Martaguisela. Despois licenciábase en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e encetaba unha intensa actividade como investigador da historia valdeorresa, tomando parte en diversos congresos e simposios, impartindo multitude de conferencias e realizando diversas publicacións.

Entre elas destacan libros como El Santuario de As Ermitas. Estudio histórico-artístico, económico, socio-religioso y educativo 1624-1990 (IEV, 1999), no que retomaba o tema da súa tese de licenciatura en 1983; Valdeorras a mediados del siglo XVIII a través del Catastro del Marqués de la Ensenada (IEV, 1993) co que lograba o Premio Tertuliano Hervella; Os viños de Valdeorras. Denominación de Orixe (Editorial Nigra, 1995), Segadores de Castela, escravos de sol a sol (Asociación de Segadores, 2003), Valdeorras, cultura e viño (Alcántara, 1991) ou Correxais: no berce da cultura, cara á liberdade (2017) ou, máis recentemente, Quereño, un pobo singular (2022). Foi ademais colaborador en diversas ocasións do Periódico O SIL con artigos sobre a historia local.

Era unha persoa moi alegre, pese a que a vida lle xogaba unha mala pasada e quedaba nunha cadeira de rodas. Tamén, un namorado da súa terra natal e da súa comarca, que defendía e reivindicaba sempre. “De todos os elementos da paisaxe de Valdeorras quizais o máis chamativo e importante é o río Sil e al téñenlle cantado multitude de poetas, ensalzando as súas bondades. Pero o río tamén ten partes agresivas e de destrución, como pode verse no documental de Anxo Santomil sobre a caída da ponte de San Fernando”, dicía anos atrás nunha entrevista con O SIL.

Antonio Castro Voces era Membro de Mérito do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), cuxo presidente, Aurelio Blanco, vén de emitir unha nota de pésame. “O falecemento de Toño supón unha perda moi importante para a cultura e para a cidadanía de Valdeorras. A noticia recibímola a través dunha íntima amiga da familia. A derradeira conversa que tiven con el foi de bo estado de ánimo e pensando en proxectos, polo que nada me facía pensar en tan triste desenlace. O IEV síntese de loito pola perda de tan querido amigo e Membro de Mérito, desde hoxe Valdeorrés Ilustre”.

Polo de agora descoñécense os datos relativos ao seu funeral.

Artigos relacionados

Back to top button