O documental “Os segadores da Órrea en terras de Castela: unha historia de heroes” estreábase na tarde do 14 de febreiro na Coruña. O acto estaba promovido pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda coa colaboración do colectivo Valdeorras Infinda.
Tras a proxección, que tiña lugar na sede da agrupación, dábase paso a un coloquio con representantes da Asociación Veciñal de Santa Comba da Órrea. En representación dos segadores estivo presente Oliverio Leivas, Oliverio do Rego, e tamén participaba Laura Alonso, unha das directoras da peza.
Ademais durante o acto rendíaselle homenaxe ao historiador valdeorrés Antonio Castro Voces, unha de cuxas liñas de investigación se centraba nos segadores valdeorreses e doutras zonas galegas que acudían a Castela. De feito, froito dese labor publicaba o libro Segadores de Castela, escravos de sol a sol.
O documental
“Os segadores da Órrea en terras de Castela: unha historia de heroes” é unha produción da Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, no municipio de Riotorto. A peza, de 50 minutos de duración, achega o testemuño de decenas de persoas da parroquia que viviron esa experiencia.
Dirixido por Vanesa Gómez Lourido e Laura Alonso Carracedo, foi estreado no 2023 e conta co apoio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo.
Durente os meses de verán trasladábanse a Castela para a sega; unha migración de tempada que moitos miles de galegos protagonizaron ao longo de trescentos anos e que perdurou ata os anos 60 do pasado século XX.