En portadaEntrevistasÚltima hora

Antonio Castro Voces: “Hai dous momentos claves na historia de Quereño a chegada do ferrocarril e a de Endesa”

Este historiador vén de reunir nun libro a historia do seu pobo, Quereño (Rubiá). A obra presentarse o vindeiro 13 de agosto nesta localidade

O historiador valdeorrés Antonio Castro Voces./ Foto: A.R.

 

Era unha idea que tiña na cabeza dende hai tempo, pero non foi ata hai dous anos cando se decidiu a dar o paso e comezar a recompilar a historia do seu pobo, Quereño (Rubiá), nun libro. “Quería facer unha cousa curta, comecei coa idea de 100 páxinas, pero ao final son unhas 240”, comenta sorrindo o historiador valdeorrés Antonio Castro Voces. Este volume, titulado “Quereño un pobo singular”, é xa unha realidade e presentarase o vindeiro sábado 13 de agosto ás 20h. na Casa da Cultura de Quereño.

Neste acto o autor da obra estará moi ben acompañado por amigos e veciños. Así, xunto a el estarán na mesa o investigador Isidro García Tato, natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras); o escritor de Arcos (Vilamartín), David Vázquez; Ana María Romero Yebra, mestra (que viviu en Quereño e agora reside en Almería) e escritora de literatura infantil e o quereñés Suso Fernández Prieto. “Vai ser un feito histórico en Quereño que se presente un libro e que ademais na presentación cante, Carla Lourdes, unha moza descendente deste pobo”, adianta o escritor Antonio Castro Voces. Este volume poderá adquirirse na presentación, pero tamén nas librerías do Barco.

– ¿Con que obxectivo escribiu este libro?

O libro aborda a historia de Quereño dende os primeiros tempos ata a actualidade. Escribino pensando na xente en xeral, pero, sobre todo na xente nova, para que non se perda e se coñeza, porque non toda a historia do que ten sido o pobo de Quereño ao longo do tempo está escrita.

– ¿Cal é o punto de partida, a época romana?

Na época romana está clara a influencia do paso da vía que ía cara ás Médulas e consérvanse restos arqueolóxicos como o As Barreiras, que denotan que aí se traballou. E, séculos despois, polo ouro que marchaba polo Sil, en Quereño tamén houbo un grupo importante de mulleres aurenas. Pero a primeira referencia escrita que hai deste pobo é do século XII e pertence ao Mosteiro de San Pedro de Montes. Trátase dun documento dun matrimonio, que serían os primeiros quereñeses con nome de apelidos da historia, sobre un intercambio de fincas co mosteiro. A partir de aí evoluciona o libro.

– ¿Cales diría que son os momentos clave da historia de Quereño?

Penso que hai dou momentos trascendentes, un deles en 1883 coa chegada do ferrocarril e a construción da estación, que foi o que nos colocou no mapa. Esta era a saída natural da Cabreira, e pasando coa barca, a forma de viaxar era vir ao tren a Quereño. Isto fomentou que xurdiran unha serie de familias de comerciantes, xente que tiña visión de futuro, como os Perniles, os Carameses, os de Regueiro…, que montaron aquí os seus negocios. Eran tendas que tiñan de todo e que non había noutros lugares.

Outro momento clave na historia deste pobo prodúcese cara mediados do século XX, entre 1950 e 1954, coa instalación de Endesa para construír o encoro, a central e o canal. Isto xerou un gran momento de xente, empregados da empresa que viñeron e se quedaron en Quereño ata o remate da obra. Despois marcharon coa empresa a facer a seguinte obra. Isto supuxo un gran incremento da poboación e do comercio para poder abastecer esa demanda. E así chegou a haber 3 ou 4 carnicerías, 2 pescaderías, zapaterías, xastrerías…

– ¿Por que Quereño é un pobo singular?

Por precisamente por estas dúas cuestións que che estaba comentando. A estación non se constrúe en calquera parte, de feito, só se constrúen despois no Barco e na Rúa, no que é Valdeorras. E xa se salta a Quiroga. E despois a chegada de Endesa, coa que son un pouco crítico, levou a que esta localidade, de boas a primeiras recibira igual a 500 ou 600 familias, porque viñan daquela os obreiros e traían a toda a familia. E Quereño non estaba preparado para recibir a tanta xente entón vivían nas casas, ao mellor un veciño acollía a 3 ou 4 familias de obreiros que estaban nas habitacións que tiñan, e iso foi un momento de esplendor que resultou efímero, porque cando se marcharon quedamos na crúa realidade.

Outra singularidade, e que vén moi a conto do que acabamos de pasar coa pandemia, é a instalación do lazareto que era unha forma de cortar de raíz o paso dos contaxios do cólera, era unha aduana severa porque parece que a xente o pasaba moi mal. Despois a historia de ter unha barca. Hai que pensar que Quereño, como xa comentaba antes, era a saída natural da Cabreira, agora sae de aí a lousa, pero antes saía o mel, as castañas, a madeira… Todo iso viña ao ferrocarril para transportalo e a barca era imprescindible, posteriormente, en 1932, xa se construíu a pasarela.

Despois amosa tamén cuestións moi características como a actividade da escola de gaitas, da asociación de veciños, que é bastante activa, e outros feitos relacionados coa singularidade de ser fronteirizos coa comunidade de Castela e León como a batalla por intentar cambiar de concello, a loita polo tema do médico que ao final conseguímolo, e agora se pode acudir ao Centro de Saúde do Puente.

– Supoño que tamén se recollerán moitos detalles curiosos e mesmo anécdotas…

Claro, como por exemplo que tivemos un equipo de fútbol que foi campión da Copa da República en Cacabelos no ano 1934 ou o capítulo que lle dedico a contar canta xente con título universitario houbo en Quereño ao longo da historia. E cheguei a cifralos en 140, un dato importante, tendo en conta que agora somos só un cento de habitantes. Por iso digo tamén que este é un pobo singular.

Texto: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button