CulturaCulturaÚltima hora

Falece aos 90 anos Saleta Goy, viúva do escritor Manuel María

Desde o ano 2007 era a presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, depositaria do legado do escritor

Saleta Goy con Manuel María./ Foto cedida pola Fundación Manuel María.

 

Este serán falecía na cidade da Coruña, Saleta Goy, a viúva do escritor Manuel María e presidenta da Fundación que acolle o legado do poeta na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo). Os seus restos serán velados no tanatorio de Servisa da Coruña mañá, domingo, e o luns realizarase na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, unha despedida civil, ás 17 hrs, previo a recibiren sepultura, ás 18 hrs, no cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei, a 250 m da Casa-Museo. Os seus restos repousarán xunto aos do escritor Manuel María falecido no ano 2004, con quen compartiu 45 anos de vida e de intensa actividade cultural.

Saleta Goy García cumpriu 90 anos o 6 de xuño e vivía na cidade da Coruña desde que en 1998 se trasladou alí, xunto a Manuel María, cando chegou á idade de xubilación.

Saleta e Manuel María coñecéronse no ano 1957 e casaron dous anos máis tarde pasando a residir en Monforte de Lemos onde o escritor exercía como procurador dos tribunais. Foron eses momentos primeiros de dificultades económicas que obrigaron ao escritor a compatibilizar o seu traballo de procurador coas clases nunha academia de ensino e as colaboracións xornalísticas. A pesar diso, Manuel María vai renunciar ao traballo de director de “La Voz de Vigo” por esixírselle a afiliación á Falanxe.

Desde o ano 1970 Saleta vai rexentar en Monforte a libraría Xistral que o matrimonio decidira abrir como un xeito de dinamización cultural e de obter os medios económicos imprescindíbeis para que o escritor conservase a súa plena independencia creativa. Foi aquel un lugar habitual de encontro de escritores e intelectuais, tanto galegos como de fóra, e un importante foco de difusión da literatura galega. A esa altura Saleta e Manuel xa tiñan un claro compromiso nacionalista o que acentuou máis a represión exercida sobre eles polo réxime fascista. Non só se viu censurada a obra literaria do escritor e prohibidos os seus recitais e conferencias, senón que a represión cebouse sobre as súas propias persoas con multas cuantiosas, vixilancia domiciliaria permanente e detencións arbitrarias.

Mais a represión non logrou que Saleta e Manuel María renunciasen ás súas conviccións nin cesasen en ningún momento na súa loita contra a ditadura franquista e en favor dos dereitos políticos de Galiza e, sobre todo, no traballo pola recuperación de usos para a lingua galega e polo dereito a vivir dignamente na propia Terra en paz e harmonía cos demais pobos do mundo.

Despois do falecemento de Manuel María no ano 2004, Saleta Goy, acompañada dun grupo de amizades e de persoas que compartían o proxecto, creou a Fundación Manuel María de Estudos Galegos co fin de adquirir a casa natal do escritor, coñecida como Casa de Hortas, e convertela en Casa-Museo para dar así acollida ao conxunto do legado do poeta chairego. A Fundación presidida pola propia Saleta, creouse no ano 2007 e a Casa-Museo inaugurouse no ano 2013 despois de ser remodelada convenientemente para a nova función. Alí deposítase e móstrase ao público en xeral e a escolares todo o legado do escritor e promóvese a difusión da súa obra literaria mediante publicacións, certames de teatro para compañías profesionais, certames de composicións musicais arredor da obra do escritor, concursos de recitado poético e de videopoemas, ademais da actividade semanal que vai máis aló da figura do escritor. A Fundación, con Saleta ao fronte, non só concibiu a Casa-Museo Manuel María como unha homenaxe permanente ao escritor senón que a converteu nunha casa da memoria, dentro da batalla contra o esquecemento ou da loita por rescatar aquilo que lle sigue sendo útil e funcional á sociedade galega. O Padroado da Fundación acordou realizar na súa sede, a Casa-Museo Manuel María, un acto civil de homenaxe de despedida.

Artigos relacionados

Back to top button