OurenseÚltima hora

Feijóo: “O abandono escolar en Galicia descendeu até o 15% no 2017”

Publicidade
O presidente elixiu este centro para inaugurar o curso escolar de E.S.O, Bacharelato, Formación Profesional e ensino de réxime especial

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, escolleu o instituto Blanco Amor de Ourense para inaugurar hoxe, 15 de setembro, o curso escolar de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinos especiais. O xefe do executivo autonómico, que estivo acompañado do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, elixiu este centro por varios motivos: “porque onte cumpríronse 100 anos do nacemento de Blanco Amor, porque o instituto celebra o seu 50 aniversario e porque foi o instituto onde eu fixen os meus estudos”.

A comitiva, encabezada polo presidente e formada polo presidente da Deputación, Manuel Baltar; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a delegada territorial da Xunta en Galicia en Ourense, Marisol Díaz e a delegada territorial da Consellería de Educación, Luz Fernández, percorreu as aulas e tiveron a ocasión de falar co alumnado e profesorado de segundo da E.S.O.

Na súa intervención, Núñez Feijóo fixo referencia ao futuro da educación en Galicia, salientando algúns logros como o descenso do abandono escolar: “En Galicia o abandono escolar descendeu do 26% en 2009 ao 15% en 2017”. O presidente salientou o plurilingüísimo como adalid da educación en Galicia: “Na Galicia de mañá, todos os alumnos do ensino obrigatorio galego terán a posibilidade de educarse nun sistema plurilingüe”, asegurando que o inglés “é unha ferramenta de traballo moi importante”.

Neste senso, o Instituto Blanco Amor de Ourense está dentro dos poucos centros de Galicia, catro en total, que incorpora a opción do bacharelato plurilingüe este curso, e así o recoñeceu a Xunta de Galicia facéndolles a entrega dunha placa neste acto. En concreto, segundo os datos achegados polo presidente, hoxe en día son máis de 100.000 mozos e mozas de colexios e institutos que reciben o ensino plurilingüe; hai máis de 80 centros que imparten educación infantil plurilingüe.

Sen saíres do ensino do futuro, Alberto Núñez Feijóo sinalou que pouco a pouco estanse a incorporar materias en robótica e programación, segundo marca a folla de ruta da Estratexia galega para a educación dixital 2020. Ademais de anunciar que se vai incorporar un “bacharelato de excelencia que aposte polas ciencias e as matemáticas, así como o acceso ao libro dixital”.

O responsable do Executivo autonómico loubou o labor dos profesores: “paréceme que a docencia é unha das profesións máis nobres” e asegurou que a formación e o estudo está presente todos os días: “eu mesmo estudo 200 folios ao día para prepararme as miñas intervencións e roldas de prensa”, aseverou.

Pola súa banda, o director do centro, Caros Ferreiro Agra, salientou o importante nivel do centro que dirixe: “cando cheguei aquí, a miña sorpresa foi a grande canteira de escritores que hai no centro”. Ferreiro destacou que os recentes cambios que incorporaron no Blanco Amor fixeron posible que gañasen, incluso, un concurso de matemáticas en Toulouse (Francia).

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button