CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A Feira do Libro de Ourense queda inaugurada coa lectura dun texto de Carlos Casares

Case unha quincena de libreiros están na rúa do Paseo vendendo os últimos títulos até o 4 de xuño

Os miles de viandantes que percorren ron a rúa do Paseo na tarde de hoxe, 31 de maio, atopáronse con case unha quincena de postos de venta de libros. A Feira do Libro de Ourense 2017 arrancou a venta de libros que seguirá de forma ininterrompida até o 4 de xuño. Pero ademais dos exemplares en papel, os asistentes poderán gozar de actividades e sinaturas de libros.

Tamén hoxe, cara ás 20:00 horas, levouse a cabo o acto oficial de inauguración ao que acudiron diferentes personalidades locais como o Subdelegado do Goberno, Roberto Castro; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e diferentes membros da corporación municipal; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz e o Secretario Xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, entre outros.

Este ano o pregoeiro foi Xabier Casares, irmán de Carlos Casares, escritor ourensán homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017.

Todo o acto foi traducido a linguaxe de signos e estivo amenizado cos trucos de maxia do Mago David, que fixo as delicias do público co seu truco do ovo que escapa. Tras iso, deu paso ao acto oficial. O primeiro en intervir foi o presidente da Asociación de Libreiros de Ourense, Xosé Manuel García que falou de “tempos de cambio” referíndose á revolución tecnolóxica que está a sufrir a sociedade “na que cun só clik podemos adquirir moita información e o que hoxe é asombroso mañá está obsoleto”. Isto veu a colación xa que o sector “non é alleo a esta realidade”, dixo, pero o presidente amosouse optimista “un profesor canadense, nos anos 60, dáballe vida aos libros en papel ata o ano 1980”, contou. Pero actualmente séguense a mercar libros “porque os libros son e serán fieis compañeiros”.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo, felicitou o “esforzo colectivo desta feira” por parte dos libreiros “que pechan os seus negocios para estares aquí promovendo a lectura” e ás institucións “que nos esforzamos por levar estas feiras por toda Galicia co mesmo obxectivo”. Lorenzo salientou que este tipo de feiras teñen tres obxectivos: animación á lectura aos mozos e asentar lectores adultos; achegar aos autores aos lectores coas sinaturas de libros e as actividades e potenciar o sector libreiro.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, foi máis literario asegurando que “a primavera recupera con esta feira a esencia literaria que deixou Casares nas Letras Galegas”. Tamén se referiu aos libreiros como “un gremio de excelentes profesionais” e concluíu dicindo que “poucas cousas hai máis emocionantes que a compra dun libro”.

Vázquez deulle paso a Casares, que para o seu pregón escolleu “un relato que Marcos Valcárcel recitou na inauguración da Feira do Libro de 2007” no que Carlos Casares conta un percorrido pola cidade. Xardíns do Posío, o Liceo, o Hotel Parque, a Catedral, os faladorios, todo aparecía nese extenso texto de Casares que o seu irmán decidiu recitar e no que se presenta o Ourense máis cultural e bohemio daqueles anos. “Vai por Marcos e por Carlos”, dixo Xabier Casares ao rematar. Finalmente, a Real Banda de Gaitas de Ourense interpretou o Himno de Galicia.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button