SanidadeÚltima hora

Ferramentas para a abordaxe da Covid persistente dende a intelixencia artificial

Xa está en marcha o recrutamento de pacientes a través da unidade de covid persistente do CHUO

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou hoxe, no acto de presentación do Proxecto Coperia, que se trata dunha iniciativa “moi potente a nivel sanitario, pero tamén tecnolóxico, xa que reflicte a implicación de diversas empresas do sector, que contribúen a xerar retorno no tecido empresarial”. Para o máximo responsable do Sergas, “é un traballo novidoso, pioneiro en Galicia, e que pon ao servizo da cidadanía as ferramentas máis punteiras”.

Segundo remarcou o conselleiro no acto, ao que tamén asistiu o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, “as secuelas da covid supoñen un desafío ao que temos que facer fronte, e este proxecto servirá de estímulo para seguir avanzando na súa abordaxe”.

Comesaña salientou o esforzo que permitiu dotar a esta iniciativa dun orzamento de máis de 700.000 euros, coa conseguinte implicación da Axencia Galega de Innovación, co cofinanciamento do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no eixo REACT-UE, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19. Unha liña de axudas orientada a apoiar proxectos de I+D+i, relacionados coa covid-19 e orientados ao dobre obxectivo de facer fronte á pandemia e contribuír á transición dixital das empresas, especialmente das pemes, favorecendo así a recuperación económica de Galicia, en colaboración cos hubs de innovación dixital galegos Dihgigal e Datalife.

Segundo sinalou o responsable da sanidade pública galega, o apoio á investigación sanitaria é fundamental para desenvolver proxectos como este. Así, Coperia non podería entenderse sen o traballo conxunto de diversas organizacións ás que Comesaña agradeceu o seu labor, e que se traduce nunha plataforma que axuda a cribar pacientes con covid persistente así como acceder a novas ferramentas de rehabilitación personalizada e, que, ademais, facilita a xestión diaria destes pacientes.

Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria destacou o traballo do doutor Alejando García, investigador principal, e o labor da unidade de covid persistente do CHUO, “cun papel fundamental no recrutamento dos pacientes así como do resto do persoal sanitario implicado”. Comesaña remarcou que estas unidades multidisciplinares postas en marcha por parte da Xunta “proporcionan un maior coñecemento dos efectos da enfermidade a medio e longo prazo, e, ademais, facilitan unha maior asistencia sanitaria”.

Segundo o conselleiro, Coperia promove o empoderamento dos pacientes con covid persistente “a través de ferramentas que lles resulten útiles no seu día a día”. Entre estas ferramentas destaca o uso de xogos que maximizan o seu adestramento, no tocante á rehabilitación cognitiva.

Tamén destaca no proxecto un sistema innovador que contribúe á monitoraxe en remoto, de cara á rehabilitación física, evitando en moitas ocasións desprazamentos ao centro hospitalario. Aprendéndolles incluso a reportar na plataforma un evento de fatiga para, deste xeito, traballar na predición do umbral de exercicio que pode producirlles ese episodio.

Apoio á Investigación sanitaria

Na súa intervención no acto, Comesaña incidiu en que a sanidade pública galega, grazas ao seu espírito innovador, foi recoñecida pola Comisión Europea, concedéndolle o proxecto Procure4Health para a creación dunha rede europea de compra pública innovadora no ámbito da saúde. A concesión deste proxecto, únese ao recoñecemento obtido na primeira edición dos Premios Europeos de Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación.

Neste ámbito, o conselleiro tamén subliñou o proxecto do primeiro Living Lab de saúde no Hospital Universitario de Ourense. Ademais, Comesaña destacou, así mesmo, a recente acreditación do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur por parte do Instituto de Salud Carlos III, completando así Galicia o mapa de centros acreditados.

O responsable do Sergas dixo que a Xunta segue a traballar para reforzar todos estes fitos e, en xullo do pasado ano, asinouse o primeiro convenio colectivo específico para o persoal das tres fundacións de investigación sanitarias de Galicia. Así mesmo, o pasado mes de abril, a Xunta aprobou o contrato plurianual da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) ata o ano 2025 e, máis recentemente, o Executivo galego anunciou a creación dun estatuto para investigadores de centros públicos que mellorará a súa calidade laboral.

Xunto a todo o anterior, nos Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, o programa sobre investigación sanitaria experimenta unha suba do 9,4% ata os 5,7 millóns de euros, consolidando e ampliando a suba do 20% que experimentou nos primeiros orzamentos desta lexislatura.

Artigos relacionados

Back to top button