
O recoñecido catador Ferrán Centelles, coñecido pola súa traxectoria no prestixioso restaurante elBulli e a súa colaboración coa publicación internacional Jancis Robinson, visitaba netes días o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Durante a súa visita, o 16 de maio, Centelles realizaba unha cata a cegas de 50 viños da denominación.
“A Ribeira Sacra é unha rexión que se valora moito tanto polo esforzo da viticultura que conleva como polos seus produtos, concretamente os seus mencías atlánticos frescos e os seus godellos puros e limpos, estes son viños moi atractivos para o mercado”, aseguraba Centelles.
Esta cata forma parte “dos esforzos continuos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra para destacar a calidade e singularidade dos seus viños no panorama internacional. A presenza dun experto da talla de Centelles subliña o prestixio e recoñecemento que os viños da nosa rexión alcanzaron nos últimos anos. Esta colaboración entre Jancis Robison e o Consello Regulador reflicte o compromiso do Consello en promover e consolidar a reputación dos seus viños a través de plataformas de alto impacto e expertos recoñecidos no sector enolóxico”, aseguran dende este órgano rector.
Durante a cata, Centelles comentaba que o consumidor especializado quizais non valora tanto o custo desta vendima heroica, senón máis a alma e a diferenciación dos viños. Os viños de Ribeira Sacra son viños moi únicos e singulares, con moito frescor, con toques herbales e vibrantes. Ao consumidor final non podemos pedirlle que valore unha vendima máis “dolorosa” pero podemos ofrecerlle viños máis atrevidos, máis delicados e con máis carácter.
O catador concluía que “hai que potenciar máis a singularidade, que as adegas non teñan medo de facer viños dun único viñedo, que faltan, e que non teñan medo de facer viños delicados. Delicadeza é o que falta historicamente en España e a Ribeira Sacra ten o potencial de ofrecer eses viños.”
Non é a primeira vez que este catador visitaba a D.O. Ribeira Sacra, xa estivera anteriormente no Consello Regulador en Monforte de Lemos en 2020. Naquela ocasión, a súa visita estivo enfocada en reunirse con hostaleiros e adegueiros da rexión para promover o proxecto Bullipedia, unha enciclopedia de coñecemento gastronómico impulsada polo equipo de elBulli.