OurenseÚltima hora

Festa de fin de curso do programa “Kero-Kolo” en Verín

Esta xornada lúdica, na que participaban máis de trinta meniños cos seus pais e nais, tiña lugar na mañá deste venres

Máis de trinta nenos participaron neste venres 7 de xuño, xunto cos seus pais, na festa de fin de curso do programa ‘Kero-Kolo’. Celebrábase na cafetería “Pequenos”, establecemento que cedeu as súas instalacións para a celebración da mesma.

“A iniciativa “Kero-Kolo” é un espazo de encontro entre pais/nais e nenos/as, de cero a tres anos de idade, onde conxuntamente coa familia e a persoas directoras das sesións aprenden a relacionarse entre eles. O programa busca crear unha serie de actividades de interacción e participación entre os menores e as familias nas que se desenvolven iniciativas de educación infantil conxuntas e propostas por todos os participantes, é dicir, unha aula de convivencia que será unha antesala de entrada ao centro educativo e a compartir experiencias cotiás”, segundo se informa dende o Concello de Verín.

As clases divídense en dúas partes: a primeira, onde se traballa a psicomotricidade fina mediante unha manualidade por temáticas, en función da época do ano e datas sinaladas como o día do pai ou da nai, entroido, día dos namorados… E unha actividade física para favorecer e desenvolver a psicomotricidade grosa.

Durante este ano lectivo, os menores tamén participaron en xornadas de actividades especiais realizadas en colaboración con diferentes entidades públicas e privadas: sesións de contacontos e manualidades (en colaboración coa Biblioteca Municipal), actividades deportivas no pavillón municipal, contacontos musicais clásicos (en colaboración co Conservatorio de Música de Verín), visita guiada á fábrica de Cabreiroá e arredores, excursión de fin de curso á Granxa Escola de Lodoselo e a celebración da festa de fin de curso na cafetería Pequenos de Verín.

O programa está enmarcado na iniciativa Escola de Familia Municipal, posta en funcionamento polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Verín.

Fotos: Concello de Verín.

 

Artigos relacionados

Back to top button