SanidadeÚltima hora

Folga indefinida nos PACs galegos dende este 7 de xaneiro

Afecta ao persoal estatutario das categorías de médico de familia e de enfermeiro que presta os seus servizos nos Puntos de Atención Continuada (PACs) do Sergas
Exterior do Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco, no cal existe un PAC.

Con mobilizacións na sanidade galega comeza este ano 2019. O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PACs) galegos está chamado a partir de hoxe luns 7 de xaneiro a unha folga indefinida para reclamar melloras asistenciais e laborais. Está convocada pola organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT, SATSE, CSIF, O’MEGA e CESM e afectará ao persoal estatutario das categorías de médico de familia e de enfermeiro que presta os seus servizos nos citados PACs do Sergas.

“A folga convocada desenvolverase con carácter indefinido e diario a partir das 15h. do 7 de xaneiro de 2019, do seguinte xeito: dende as 15h. ata as 8h. do día seguinte, nos días laborables; e dende as 8h. ata as 8h. do día seguinte, nos domingos e festivos. Os devanditos dispositivos teñen normativamente encomenda a asistencia sanitaria urxente á cidadanía no ámbito da atención primaria en Galicia”, segundo pode verse na orde do 21 de decembro de 2018 da Consellería de Sanidade (publicada no DOG) pola que se establecen os servizos mínimos desta convocatoria de folga.

No anexo da devantida orde tamén figura o “número de efectivos necesarios para garantir a totalidade da actividade urxente previsible nos días da folga”. No caso da EOXI de Ourense, Verín e O Barco sinálanse nos días laborables uns servizos mínimos de tarde con 25 efectivos do persoal médico de familia e de 24 pola noite, mentres no persoal de enfermería son 18 polas tardes e polas noite. No caso dos domingos, os servizos mínimos na EOXI ourensá son de 25 médicos mañá e tarde e 24 pola noite; mentres que o persoal de enfermería é de 18 profesionais mañá, tarde e noite.

Dende o comité de folga din que a convocatoria chega despois de múltiples intentos de diálogo co Sergas e de dous paros parciais, “xa que seguimos sen ningún achegamento por parte da Administración e non fomos convocados/as durante este período para negociar unha saída ao conflito”.

O colectivo indica que as súas reivindicacións seguen a ser os 11 puntos “que nos uniron en toda a xeografía galega hai preto dun ano”, con demandas asistenciais “e de equiparación de dereitos ao resto dos profesionais do Sergas: retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos de enfermaría médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección axeitados ou cómputo de xornada correcto onde os permisos e as baixas computen neutro a efectos de xornada”.

Dende o Sergas emitíase un comunicado no que di que “segue aberto a acadar un acordo cos representantes e traballadores dos PACs” e no que lembra que “xa se teñen realizado diversas reunións para tratar as reivindicacións destes profesionais. En concreto, celebráronse ata tres mesas sectoriais”. O departamento sanitario galego asegura que “moitas das reivindicacións solicitadas por este colectivo xa foron aceptadas” e que “continúa vixente a última proposta presentada pola Administración sanitaria”.

Artigos relacionados

Back to top button