SanidadeÚltima hora

Germán Rodríguez-Saá: “Queremos que os servizos da AECC cheguen ao conxunto da provincia”

O novo presidente da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense aposta por reforzar a conexión coa zona de Valdeorras

O presidente da AECC en Ourense, Germán Rodríguez-Sáa./ Foto: A.R.

 

Contar con representación en cada municipio ourensán para coñecer as particularidades oncolóxicas de cada zona e servir de referencia e apoio en novos núcleos rurais. Era un dos obxectivos que Germán Rodríguez-Saá manifestaba nada máis afrontar á presidencia da Asociación Española contra o Cancro (AECC) en Ourense, o pasado xuño. E, neste 29 de setembro, coincindido coa súa primeira visita a Valdeorras tras asumir o cargo insistía nel, tras inaugurar a mostra “50 anos cambiando a historia do cancro”, no hospital do Barco.

“Xa antes de entrar na directiva da AECC dende a asociación comentábanme cales eran os fitos a nivel nacional, e gustoume que están buscando moito a territorialidade. Ourense non é igual que calquera provincia, temos unha fisonomía moi diferente e hai que coñecela ben, e debemos facer que os servizos que prestamos cheguen a todas as persoas, con independencia de onde estean e como estean, isto non é unha asociación da capital, senón de toda a provincia”, dicía Rodríguez-Saá. Por, iso, resaltaba, “unha das miñas obsesións é chegar a toda a provincia, sen distinción, nin discusión, e niso imos facer un esforzo importante”.

Malia ao avance das novas tecnoloxías e o seu uso por parte da AECC, o seu presidente en Ourense reivindicaba o valor da presencialidade. “Aínda que esteamos no século XXI, e aínda que haxa acceso a páxinas web ou poidamos dicir en redes sociais, que somos e o que facemos a nosa xente entende de persoas. E unha persoa dunha aldea non lle podes dicir que entre nunha páxina web para saber os servizos que temos, entón debemos facer un esforzo fundamental en que todo o mundo coñeza onde estamos e que é o que facemos, entón imos un voluntariado importante. Eu intenterei, vai ser complicado, pero ímolo facer por comarcas, reunirme con todos os alcaldes e alcaldesas da provincia, para que coñezan isto, porque ao final eles son os que saben onde está o problema e onde podemos axudar, e ese é o obxectivo fundamental, estar cunha equidade importante”.

Rodríguez-Sáa facía especial fincapé na importancia de reforzar a conexión coa zona de Valdeorras, onde a asociación conta dende hai anos cunha delegación, á fronte da cal está Gloria Pérez. “Eu espero vir moitas veces a Valdeorras”, indicaba o presidente da AEEC Ourense, “porque esa desconexión-conexión eu quero eliminala e aquí temos que integrarnos dun xeito importante. Os servizos teñen que chegar a todo o mundo. Aquí non hai signos, nin cores, nin aldeas, somos todos un. A provincia ten que funcionar como unha estrutura única, e esa é a pretensión que temos”.

O valdeorrés Jesús García Mata, na xunta directiva da AECC Ourense

Finalmente, o Rodríguez-Saá referíase á xunta directiva da asociación en Ourense. “Está formada por xente que non coñecía, simplemente escribín o que quería en cada posto. Quería un tesoureiro que tivese unha formación económica, un secretario cunha formación xurídica, e parecíame fundamental, aínda que non houbese unha obrigatoriedade, ter a alguén técnico, e cando digo isto, quero dicir un profesional que coñecese a enfermidade de cheo. Tiven varias reunións e, ao final, conseguín que o xefe de Oncoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco, Jesús García Mata, estivese dentro da xunta directiva, o que vainos dar, se cabe, unha visión moito máis ampla do que podemos facer a nivel de sinerxías co Sergas”.

Máis información:
https://osil.info/o-medio-seculo-da-aecc-nunha-mostra-fotografica-no-hospital-de-valdeorras/

Artigos relacionados

Back to top button