Cun agasallo moi especial, vistoso e orixinal a vianesa Estela Barone decidía celebrar as tres décadas do supermercado que rexentan no baixo da súa casa a súa mai e o seu pai, que ademais están a piques de xubilarse. Co acordo tamén do seu irmán, ideaba e proxectaba un mural de case de 15 m na cuberta do ascensor situado no lateral dese edificio, na vila de Viana. Nunha das caras do mural aparece a súa mai, diante dun curral suxeitando un boi; e na outra, o seu pai, apoiado nun dumper.
“É como unha volta as raíces, os meus pais viñan de mundos moi diferentes, ela gandeira e el camioneiro, que nada tiñan que ver co comercio, e iniciaron este proxecto de cero e para min este mural é unha homeaxe cara eles. O supermercado, que é un proxecto que iniciaron ao casar, é como unha semente que sementaron para darnos aos seus fillos. E penso que ao final calquera persoa se pode identificar cos inicios de cada un”, comenta Estela Barone, que confesa que o mural foi unha sorpresa para os seus pais.
“Eles pensaban que a idea central, e realmente ao principio ía ser así, era xogar coa palabras raíces, tradición e gastronomía, pero era demasiado para meter nun espazo tan estreito. E quedeime co importante, que eran as raíces, e a eles díxenlles e amoseilles nunha foto que ían ser as súas mans cheas de terra e, por debaixo saían unhas raíces e por riba comezaba a crecer un castiñeiro. E eles pensaban que ían aparecer as súas mans unicamente. E como anécdota, cando xa bocetaron a cara da miña mai, entrou unha das empregadas e comentoulle que estaba ela alí. A miña mai saíu a mirar e emocionouse ao verse”.
O mural é obra do Dúo Amazonas, formado por Lina e Nati, creadoras ás que Estela Barone, formada en Comunicación Audiovisual e que traballa en fotografía e vídeo, coñecía durante a gravación dun proxecto. “Gustoume como traballaban e decidín contactar con elas”. Como punto de partida usaban unhas fotografías dos anos 80, nos que os seus pais tiñan uns vinte anos. No proceso de elaboración quixo ademais, dentro do posible, contar coa xente de Viana. Así, adquiría os materiais na Ferretería Bibei, “precisamente onde estaba inicialmente a tenda dos meus pais”, e o boceto elaborado polas artistas imprimíase no estancao da vila. O máis complicado foi conseguir unha grúa, dada a altura do lugar onde tiñan que traballar. “Tiña que ser moi alta e que xirase para todos os lados. E conseguina a través dunha persoa de Viana, era unha grúa de IMAFEC”, matiza.
Ademais Barone amosa o seu agradecemento a todos aqueles que participaron no proxecto, “participaron activamente e colaboraron en todo o que necesitamos, foron moi serviciais e estaban pendentes do que se necesitaba. Malia que Viana é un concello pequeno, en certo modo enorgulleceume atopar os medios necesarios aquí. E nese senso quero animar á xente do rural a que intente facer cada vez máis cousas porque se eu todo isto o tivese que traer da fóra, xa non sería o mesmo”.
A elaboración deste enorme mural, feito con rodillo e brocha, xeraba gran expectación entre a veciñanza que seguía a evolución do mesmo. As autoras comezaban o traballo o luns 3 de xuño e remataban neste domingo 9 de xuño. Malia ser un proxecto persoal e adicado á súa familia, con esta obra tamén quere facer reflexionar a quen vexa o mural. “Todos temos unha historia e esa que se ve no mural son as raíces de quen soñou e durmiu pouco e quen o mire pode tamén sentirse identificado ou non. Din que nunca se debe esquecer de onde se vén e o que co esforzo e ganas se consegue, entón os meus pais coas súas ganas lograron que 24 horas pareceran 48 horas para levar adiante o supermercado pasaron moitas noites sen durmir. Ademais amosaron que rendirse non é unha opción e que o esforzo hai que afrontalo para desfrutar a recompensa. E a súa recompensa é que van chegar en breve á xubilación e que gocen do que fixeron. Esas dúas imaxes representan de onde veñen, que atoparon a unión en Viana do Bolo e que agora deixan a elección a nós de continuar ou non”.
Este mural é ademais o primeiro a gran escala que existe en Viana do Bolo, coa peculiaridade ademais de ser unha iniciativa privada. “Realmente foi un desembolso moi grande e o ogallá que o Concello de anime e faga máis relacionados con temáticas nosas como pode ser o Entroido”.
Fotos: Estela Barone.