CulturaCulturaÚltima hora

Ignacio Vilar publica “Aura 1964”, o guión da súa próxima película

 

O director de cine de orixe valdeorresa, Ignacio Vilar, vén de publicar “Aura 1964” (Editorial Galaxia). Trátase do guión da súa nova película, un proxecto apoiado polo Creative Europe Media (programa deseñado para o apoio do cinema europeo).

Os lectores poderán ler o guión cinematográfico “antes de asistir á estrea da película. Unha novidade sen precedentes, xa que esta é a primeira vez que se publica, no Estado Español, antes o guión do filme que a estrea en cines”, sinalan dende a Editorial Galaxia.

A través dos ollos e vivencias dun neno, Siro, esta obra amosará como era o ambiente na España de 964, “na que a sociedade se viu obrigada a subsistir. Unha situación á que, a través da rebelión, o mozo e os seus amigos Cosme e Berto, despregarán a súa maxia adolescente vivindo momentos de iniciación e descubertas, nunha búsqueda constante da liberdade”, explican dende Editorial Galaxia.

 

O cineasta Ignacio Vilar.

 

Esta proposta é “unha maneira completamente distinta de acceder á historia, xa que un guión non se le da mesma maneira ca outros libros. Os lectores terán que construír a película a través da palabra e a propia imaxinación, coas súas cores e imaxes”.

Ignacio Vilar ten realizado de sete longametraxes, nas que o universo galego está sempre no centro. Aos dezaoito anos trasladouse a Cataluña, onde colaborou na creación dunha escola de cine na Universitat de Barcelona. En 1989 recibiu o Premio Carlos Velo polo guión Ollo birollo e en 1990 fundou a produtora Vía Láctea Filmes, para a que dirixe curtametraxes e longametraxes cinematográficos. Entre a súa filmografía destacan películas como Ilegal (2003), Un bosque de música (2004), Pradolongo (2008), Vilamor (2012), Sicixia (2016) e María Solinha (2020).

 

Artigos relacionados

Back to top button