ConcellosÚltima hora

Igualdade aumentou un 0,29% o orzamento das axudas a Concellos

A directora xeral de igualdade, Susana López, informou hoxe aos Concellos ourensáns das liñas de axuda en materia de Igualdade da Xunta
Xuntanza na sede da Xunta en Ourense. // Foto: Carlos Asensio. 

A directora xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López, convocou hoxe, 26 de xuño, aos técnicos e persoal político dos diferentes centros de Información á Muller de Ourense para informarlles das axudas que o seu departamento vén de sacar en materia de Igualdade, Conciliación e Violencia de Xénero.

A Directora Xeral asegurou estar moi contenta “porque este ano abriron dous novos centros den Ourense: o de Conxo-Frieiras e o de Verín, que se reconverteu para dar servizo a toda a mancomunidade”. López asegurou que esa ledicia foi compartida pola delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

En canto á Igualdade na provincia, a Directora Xeral salientou que Ourense “é unha das provincias na que os Concellos están máis dedicados ao tema da igualdade e os que máis solicitan as axudas á Secretaría Xeral relacionadas coa materia”. Asemade, lembrou que dende o seu departamento “continuamos a traballar” e por iso aumentaron os orzamentos nun 0,29% con respecto ao pasado ano, sobrepasando os catro millóns de euros.

Susana López recoñeceu que o incremento do 0,29% non é moi alto. // Foto: Carlos Asensio. 

Así é todo, esta subida é algo baixa, e así o recoñeceu Susana López, pero salientou que o importante é que “continuamos pola senda do crecemento e non do recorte”. Neste senso salientou que o obxectivo da Secretaría Xeral de da Xunta, e os propios obxectivos do Plan Estratéxico de Galicia, son os de apoiar ás entidades locais e a todas aquelas asociacións que traballan en materia de igualdade de oportunidades. A Directora Xeral foi firme ao dicir que “mentres teñamos desigualdades reais non conseguiremos acabar coa violencia de xénero, que é o drama máis grande que temos na nosa comunidade autónoma. Polo tanto, vamos a seguir empregando recursos para quen o precisa”.

Recalcou que esta é unha “obsesión” da Xunta e da Delegación de Ourense, a de dar a coñecer estes recursos “porque hai recursos e o caso é que se coñezan”. Asemade, avogou pola  Coordinación institucional “na que estamos a traballar”. E lembrou que Ourense é das provincias que máis concellos ten dentro da Rede Galega de Concellos contra a Violencia de Xénero, en total 40.

Por outra banda, Susana López lembrou que na Comisión Técnica da Confederación Sectorial do pasado xoves en Madrid; Galicia, Aragón e Asturias pediron que o Goberno tivese en conta, á hora de distribuír as cantidades destinadas á materia, a “dispersión poboacional, a ruralidade e a elevada idade das mulleres” xa que así pódese garantir, dixo, o acceso a todo o mundo á información e recursos en materia de igualdade.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button