DeportesÚltima hora

II Campamento Infantil de Espeleoloxía Águilas Verdes, do 1 ao 2 de xullo en Covas (Rubiá)

As inscricións para poder participar estarán abertas do 15 ao 25 de xuño no correo aguilasverdes2.0@gmail.com

Imaxe da primeira edición deste campamento infantil./ Foto: GEM Águilas Verdes.

 

Transmitir aos máis pequenos a importancia de protexer, conservar, preservar, desfrutar e coidar do medio ambiente, ao mesmo tempo que se lles introduce en deportes como a espeleoloxía ou o kaiak nun entorno natural de gran valor como o da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá). Con estes obxectivos o GEM (Grupo de Espeleoloxía e Montañismo) Águilas Verdes de Rubiá organiza, en colaboración co Concello, o II Campamento Infantil de Espeleoloxía, que terá lugar do 1 ao 2 de xullo, tendo como base de operacións o refuxio de espeleoloxía de Covas.

Trátase dun campamento dirixido a nenos e nenas de 7 a 14 anos e cuxas inscricións estarán abertas do 15 ao 25 de xuño. As prazas están limitadas e as persoas interesadas poden realizar as inscricións (cun custo de 10 euros para os socios de 20 euros para os non socios) no correo electrónico aguilasverdes2.0@gmail.com, enviando unha mensaxe con nome e número de teléfono.

Tras a exitosa acollida da primeira edición, o programa do campamento manterá unha dinámica similar, se ben, desta volta a recepción dos participantes farase no Poulo do Couso, en Biobra, para dese xeito facilitar a primeira das actividades en covas, que terá lugar na mañá do 1 de xullo en Pala Xilberte, situada nesa mesma localidade.

 

 

Pola tarde, tras o xantar, están previstas saídas en kaiak no encoro de Penarrubia, despois haberá unha merenda no embarcadoiro de Covas, e, deseguido, actividades de rápel. Pola noite, ás 21h. terá lugar a cea no refuxio e a pernoita no mesmo.

O programa do campamento retomarase na mañá do domingo 2 de xullo ás 9:30h. co almorzo, seguido de diversas actividades e ás 14:30h. farase un xantar conxuntamente cos pais e nais dos cativos participantes e, ás 16:30h., a clausura do campamento.

Artigos relacionados

Back to top button