
Unha vintena de antigas festas de inverno, tanto ourensás como doutros puntos da península como Asturias, Zamora ou mesmo da parte norte de Portugal se daban cita na fin de semana do 16 e 17 de xaneiro no oriente ourensán. Era a segunda edición da Mascarada Ibérica que tiña como escenarios as vilas de Viana do Bolo e Vilariño de Conso.
En recoñecemento a esta iniciativa, a Sociedade Española de Antropoloxía e Tradicións Populares, que preside Ramos Perea, acordaba por unanimidade na súa asemblea xeral, celebrada a finais de xuño, conceder o Premio Nacional de Tradicións Populares 2016 aos Concellos de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso. Deste xeito premiaban o seu “decidido impulso e apoio para a fermosa celebración da Mascarada Ibérica, concitando unha considerable participación cidadá”.

Asemade, esta mesma entidade decidía outorgar diplomas de honra á Comisión do Entroido 2016 de Viana e á Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso “pola extraordinaria organización da Mascarada Ibérica e polo seu moi meritorio e eficaz labor de concentración” en ambas localidades “doutros xeitos de concebir o Carnaval acadando unha gran beleza estética”.
Estes galardóns serán entregados o vindeiro 14 de decembro na sede Sociedade Española de Antropoloxía e Tradicións Populares en Madrid.