CulturaCulturaÚltima hora

Indicios dunha posible torre medieval e dun xacemento romano en San Xoán de Camba (Castro Caldelas)

O resultado da actuación de documentación e limpeza no antigo mosteiro amosábanse este sábado nunha visita guiada

 

No antigo mosteiro de San Xoán de Camba (Castro Caldelas) poderían existir restos dunha posible torre medieval e dun xacemento romano. Así se conclúe do resultado da actuación impulsada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades durante o último trimestre do 2022 e que este sábado era amosado nunha visita guiada polos técnicos que realizaban este labor.

O percorrido, no que tamén participaba a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, comezaba na na igrexa de San Xoán de Camba ás 12,30 horas, servía para dar a coñecer entre a veciñanza a actuación feita neste espazo na que se obtiveron resultados moi positivos. Así, a actuación de roza e limpeza permitiu sacar á luz restos de varias construcións en estado de ruína, de arte románico e moedas.

Ademais, a prospección arqueolóxica desta superficie duns 3.000 metros cadrados e do seu entorno tamén permitiron identificar e determinar a súa configuración espacial, dos seus elementos principais, facer un inventario das estruturas e favorecer a conservación e documentación do conxunto de cara a unha futura posta en valor deste recurso que supón un gran atractivo turístico e patrimonial.

Esta visita guiada remataba con petiscos para os participantes.

O mosteiro de San Xoán de Camba

O antigo mosteiro de San Xoán de Camba, pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, foi durante moito tempo unha importante abadía e Real Mosteiro, cunha comunidade de homes e outra de mulleres. A súa fundación datase no século X, por obra de Diego I, bispo de Ourense, e desta primitiva construción so se conservan tres pezas de granito de claro estilo prerrómanico: unha ventá xeminada e dous releves (unha adoración e unha flaxelación) gardados no Museo Arqueolóxico de Ourense.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button