
Entre os bens que lume forestal que nestes días asola Valdeorras se ten levado por diante están os colmeares. Neste senso, dende a Agrupación Apícola de Galicia vén de informarse de que, “dada a triste situación na que se encontran moitos socios afectados polos lumes destes días queremos tecer unha rede de solidaridade e contribuír dalgún xeito a facer algo máis levadeiro este desastre. Gustaríanos que nos axudárades e facer este traballo entre todos. Por elo aqueles afectados que precisen reubicar colmeas, poñédevos en contacto connosco xa que estamos a buscar emprazamentos en distintos concellos aos que levar as colmeas salvadas, así como aqueles que poidades poñer a disposición dos afectados algún colmear ou coñezades emprazamentos onde levalas, por favor comunicádenolo para poder xestionalo”.
Así mesmo, dende a propia Agrupación Apícola anúnciase que se vai “destinar unha partida de alimento sólido e líquido para poder alimentar neste tempo tan duro, sumádonos a algún socio que xa nos contactou para poñer a disposición das colmeas afectadas alimento e a axuda que precisen e estea na súa man”.
Finalmente esta agrupación diríxise aos apicultores asegurando que “non estades sós, tedes todo o noso apoio! Entre todos imos a intentar facer un pouco máis levadeira esta situación, os lumes arrasan con moito, pero nunca co noso amor polas abellas e pola natureza, ánimo”.
Así mesmo, tanto dende a Agrupación Apícola de Galicia como dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores solicitán aos concellos veciños, “así como ás comunidades de montes, GDRs e outras entidades que poidan colaborar que se poñan en contacto con nós”.