EntrevistasÚltima hora

Irene Dacal: “O Concello do Barco xa é unha parte importante da miña vida”

Esta concelleira barquense presentará o vindeiro xoves a súa renuncia "por motivos persoais" no pleno, tras 9 anos á fronte dos departamentos de Comercio e Turismo

A concelleira barquense de Promoción Económica, Turismo, Comercio e Consumo, Irene Dacal./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras case tres décadas residindo no Barco, a ourensá Irene Dacal Feijóo considérase unha “barquense máis”. Dende hai 9 anos é ademais membro da Corporación, desenvolvendo o cargo de concelleira de Comercio e Turismo.

Esta mañá, xunto ao alcalde do Barco, Alfredo García, desvelaba en rolda de prensa a súa decisión de renunciar ao cargo por “motivos persoais”. En breve marcharase a vivir a Arcade (Pontevedra), “onde está toda a miña familia”.

A súa renuncia presentarase xa o vindeiro xoves no pleno ordinario de xuño. “No Concello estou encantada, foron uns anos para min marabillosos, aprendín multitude de cousas, pero esta decisión, basicamente, é unha cuestión persoal, de estar coa miña xente”, comenta.

Ademais agradece a multitude de chamadas recibidas apenas 45 minutos despois de facer pública a súa renuncia. “Din a rolda de prensa ás 10h. e as 10:45h. xa me estaba chamando moitísima xente dicíndome: que pena que te vaias. E iso é algo que agradeces moito”. Tamén di que será un adeus definitivo ao Concello, pero non ao Barco, xa que a súa intención é seguir viaxando periodicamente á vila. “Non quero romper os meus vínculos co Barco”, destaca.

– ¿Foi unha decisión difícil de tomar?

Uff! Nin o imaxinas! Isto xa o veño rumiando dende finais de febreiro, cando faleceu meu pai, falándoo cos meus irmáns e co meu fillo, aínda que a decisión definitiva de marchar tomeina o pasado venres. E certamente custoume moito, vai ser un cambio importante, pero á vida hai que botarlle arrestos.

– Foron moitos anos no Barco…

Si, foron case 30 anos da miña vida os que pasei aquí, xa me considero unha barquense máis. Eu tamén son unha persoa cun carácter moi aberto e sempre me sentín moi querida e apoiada en todo. Vivín moi a gusto no Barco e, claro, que o botarei de menos, pero agora toca irse. Ao final a vida son etapas que vas pasando e, neste momento, toca empezar outra.

 

Irene Dacal (segunda pola dereita), nun dos seus últimos actos como concelleira de Comercio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

– Ademais está o seu labor como concelleira durante nove anos, ¿tamén o botará de menos?

Por suposto que o botarei de menos. Se moitas veces non teño que ir ao Concello e aparezo na porta sen decatarme! Ao final o Concello foi a miña vida porque coincidiu cun montón de circunstancias persoais complicadas e converteuse un pouco no meu refuxio. O Concello xa é unha parte moi importante da miña vida.

– Son nove anos os que leva como concelleira nas áreas de Comercio e Turismo, ¿que destacaría desta experiencia na política local?

O servizo público. Eu realmente non son política de alto rango, entón a min sempre me moveu o poder facer algo polos demais, aínda que non sexa moito, aportar algo, non pasar pola vida voando, senón aportando cousas e, na medida do posible, eu fixen a miña aportación, igual foi pouca, pero máis que quedándome na casa si que foi. E, sinceiramente, todo o que o eu din vino recompensado con creces porque a xente sempre mo valorou, sempre mo agradeceu e iso é algo que ao final quédache aí dentro. Porque é certo que na política pasas amarguras, non todo é fago isto e que bonito, non. Equivoqueime moitas veces, pero compensoume as veces que o souben sacar adiante e que a xente sóubomo agradecer.

 

Irene Dacal, na rolda da prensa na que anunciaba a súa demisión como edil de

 

– O xoves será o seu derradeiro pleno, ¿vai haber algunha intervención a modo de despedida?

Non, non, nada de nada… É máis, non vou dicir nin o día que me vou. É certo que no pleno do xoves preséntase a miña renuncia, pero vou continuar indo ao Concello e, de repente, un día non irei e ese día chamarei e direi “voume retrasar, non sei ata cando porque vou camiño de Arcade” (risas).

É que eu as despedidas non as soporto, é algo co que non podo. Tampouco sei exactamente o día que vou marchar, pero cando o saiba, tampouco o vou dicir. Ireime sen discurso e sen nada de nada.

– Pero non será unha despedida definitiva do Barco…

Non, vou seguir vindo a tinguir o pelo no Barco cada mes e medio. Mentres teña saúde e poida moverme, virei, non quero romper os meus vínculos co Barco. Continuarei axudándolle a Estela no Día dos Santos, no Día da Nai… Non me ides perder de vista tan pronto. Mentras poida seguirei en contacto co Barco.

Artigos relacionados

Back to top button