CD BarcoDeportesFútbolÚltima hora

Iván González substitúe a Manolo Pérez como técnico do CD Barco

O adestrador xa dirixira ao conxunto vermello entre 2011 e 2013

Iván González na súa etapa como adestrador do Barco na tempada 2011-2012. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A falta de dúas xornadas para que remate a primeira fase desta peculiar tempada en terceira división, prodúcese un imporntante cambio no banquiño do Centro de Deportes Barco. Os malos resultados que acumula o conxunto vermello así como a falta de rendemento por parte dalgúns xogadores, xunto  cos problemas persoais por parte do adestrador provocaron a baixa de Manolo Pérez, técnico que levaba tres tempadas no club barquense. A directiva sempre amosara o seu apoio ao míster berciano, sendo este quen aceptou facerse a un lado polo ben do equipo, segundo o club.

A estas alturas da tempada está claro que o equipo necesita un cambio e para iso a directiva contactou con Iván González, un adestrador dun estilo completamente distinto e ben coñecido no Barco, equipo que adestrou durante dúas tempadas (do 2011 ao 2013) ademais de ser porteiro os dous anos anteriores.

Actualmente o asturiano era técnico do Atlético Arnoia de Preferente e tamén pasou polo Bande, entre oturos equipos galegos, destacando polo seu estilo aguerrido e intenso. “O cambio será importante porque pasamos dun técnico moi educado e tranquilo como Manolo a un moi temperamental e estrito cos xogadores, aínda que quizais agora é iso o que necesitan”, asegura o presidente, Nilo Ramos, adiantando que agora é o momento. “Faltan 13-14 partidos da segunda fase para loitar pola permanencia e aínda que está complicado, se ganamos os dous partidos que faltan podemos vover a meternos na zona alta. Veremos o que pasa”, sentencia.

Artigos relacionados

Back to top button