DeportesNataciónÚltima hora

Jorge Espinosa (Club Natación Valdeorras), 1º do seu grupo na Triple Coroa Illas Atlánticas

Esta mañá celebrábase a segunda proba desta competición de augas abertas, unha das máis longas de Europa, nas que este nadador era noveno na clasificación xeral

 

Entre Ribeira e Sálvora celebrábase na mañá deste 9 de setembro a segunda das probas da Triple Coroa Illas Atlánticas, na que novamente, o nadador do Barco Jorge Espinosa (Club Natación Valdeorras), demostraba a súa calidade. Nunha das probas de augas abertas máis longas de Europa lograba o primeiro posto do seu grupo, o verde (o segundo en velocidade). Foi ademais o primeiro en tocar terra nesta dura proba de natación, que inicialmente tiña previsto un traxecto de 19 km, pero acababan sendo 21 km os que facían os participantes. E lograba situarse noveno na clasificación xeral da proba.

“Foi unha proba complicada, pero estou encantado co resultado”, explicaba Jorge Espinosa ao Periódico O SIL. Recoñece que os 8 km resultáronlle especialmente duros, con ondas que lle viñan do lado esquerdo e tamén di que “o último km foi de supervivencia, puro e duro. Non esperaba ser o primeiro en tocar terra”.

 

 

Esta é xa a segunda competición da Tripla Coroa Illas Atlánticas na que participa Espinosa, tras realizar no 2022 os 15km desde as Illas Cíes ata Baiona, nun tempo de 4h11min. Quedaba primeiro de grupo e 19º da clasificación xeral entre 160 nadadores de España, Francia, Portugal e Cuba dos que 15 tiveron que abandonar. Desta volta eran uns 136 os nadadores inscritos.

Logo destes bos resultados, Espinosa xa está pensando na vindeira proba, que lle permitiría completar a triple coroa. “A idea é rematar as tres, a seguinte xa será dunha distancia de 23 km no 2024”, adianta.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button